O Cebreiro 19-4-19. A cabeza de lista de En Marea ao Congreso dos Deputados Cristina Pérez Herraiz asistiu hoxe á Feira do Queixo de Pedrafita do Cebreiro durante unha visita e reparto de material de campaña. En compañía do concelleiro lugués e membro do Consello das Mareas Víctor Álvarez Arias, Pérez Herraiz conversou coas persoas asistentes e interesouse polas reivindicacións dos produtores locais. Para a cabeza de lista ao Congreso por Lugo, “o apoio á produción de proximidade é unha das apostas máis claras de En Marea polas súas vantaxes medioambientais e sociais, sendo un modelo de consumo especialmente axeitado nun país coa riqueza produtiva que ten Galicia”.