Site icon Crónica3.com A Mariña

Cristina Narbona: “Pódese dar a nivel nacional a mesma situación que en Andalucía, que sexa a extrema dereita a que marque as directrices das políticas aínda que non estea no goberno”

Lugo, 25 de abril de 2019.- A Presidenta do PSOE, Cristina Narbona, advertiu este xoves que “pódese dar a nivel nacional a mesma situación que en Andalucía, que sexa a extrema dereita a que marque as directrices das políticas aínda que non estea no goberno”. Fixo estas afirmacións nun encontro con veciños de Lugo no que participaron o Secretario Xeral do PSOE na provincia de Lugo, Álvaro Santos, a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Presidente da Deputación, Darío Campos, e o Secretario Xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, xunto a candidatos socialistas ao Congreso e o Senado.

Cristina Narbona subliñou que “está a ser unha campaña moi intensa por todo o territorio. Estamos ante unha auténtica encrucillada porque existe a posibilidade de que se repita o contexto de Andalucía, que o bloque das dereitas gobernen as institucións. Eu estiven alí hai pouco e podo dicir que se nota quen está a gobernar de verdade, aínda que non estean no executivo formalmente. Son as directrices dun partido de ultradereita as que empezaron a condicionar a vida dos cidadáns”.

“É unha perspectiva que debemos ter en conta á hora de mobilizar ao máximo á cidadanía, mais alá do voto socialista, eu diría o voto democrático. Hai moitas persoas que naceron en democracia e que quizais non sexan conscientes de que nada é irreversible desde o punto de vista dos dereitos e liberdades, e temos o exemplo noutros países da nosa contorna en Europa onde a ultradereita está a gobernar. Ese é un risco contra o que temos que combater ata o último momento, coa forza que nos dá que houbese durante 10 meses un Goberno socialista en España que demostrou que se poden tomar medidas sociais moi importantes e ao mesmo tempo reducir o déficit público”.

Exit mobile version