Site icon Crónica3.com A Mariña

Con Pólvora e Magnolias: “Catro homes brancos”, por Pablo Álvarez Ramos

Eran catro homes brancos, caucásicos, occidentais, españois, demócratas.
Colocados estratexicamente en cadanseu atril, co punto xusto de maquillaxe –o que en cada momento require a ocasión- e iluminados por artefactos que resaltaban as súas faccións.
Todos eles son JASP (xoves aínda que sobradamente capacitados). A xerontocracia Platónica, a posta en valor da experiencia coma sinónimo de sabedoría, deu paso ao fulgurante ascenso da xuventude.
Xa saben, toca renovarse. Uns visten garabatas slim, con traxes slim e mensaxes slim. Había algún desenfadado xersei de punto e pescozo redondo.
140 caracteres é a cabida máxima dun chío, hai que falarlle á xente cun vocabulario que poida entender. Hai que coidarse dos resabidos.
O guión esixe amabilidade, cortesía, un tratamento de terceira persoa:
– “No sea tan impertinente señor Rivera, se lo digo con todo el cariño.”
Por suposto os nosos catro heroes teñen todos título: as máis prestixiosas universidades avalan a traxectoria académica destes catro paladíns.
Cando comezou a disputa non había cabida para a amizade, estaba en xogo o interese colectivo e o ben común, eles son os elixidos que guían o camiño.
Foise caldeando o ambiente e agromaron os primeiros reproches, co único punto común, por enriba de todo, de que “nun estado de dereito é imprescindible o respecto á legalidade.” A mesma legalidade internacional que fixan a ONU e a OTAN.
Rematadas as quendas de intervención os nosos protagonistas estreitaron as súas mans como xesto inequívoco de cortesía democrática.
Ao rematar apareceron dúas rapazas con mopa que porían un punto extra de limpeza a tan brilante e alto debate.
A piques de chegar aos trinta e seis anos, e co agasallo máis fermoso da vida en forma de paternidade, nunca entendín a teima da soberanía nacional que radica no pobo e que emana do estado.
Recoñezo que son covarde e que fuxo de calquera sinal de violencia, e sigo sen entender por que demo a Policía Armada baleirou a tiros a igrexa de San Franciso de Asís en Vitoria aquel 3 de marzo de 1976.
Os cinco traballadores de Forjas Alavesas tiñan menos de trinta e dous anos, levaban 2 meses de folga e non sei se tiñan descendentes.
Opino que tanto ten o que faga o día 28 de abril e é esencial o seu comportamento nos vindeiros tres anos e trescentos sesenta e catro días. As súas fillas deben saber que o futuro é seu, e non de catro homes brancos.

Exit mobile version