A Mariña. 24 abril 2019. A CIG Saúde A Mariña visitou esta mañá o Centro de Saúde de Viveiro para coñecer de primeira man as carencias en materia de persoal.
O sindicato nacionalista denuncia que “hoxe luns estaba programada unha consulta de tarde de pediatría pola tarde, con nenos e nenas citadas, e que a media mañá a EOXI de Lugo-Cervo-Monforte avisou de que se cancelaba descitando a todas as crianzas da axenda”, sinalan.
CIG Saúde A Mariña denuncia a mala planificación do SERGAS e esixe que que se cubra a segunda praza de pediatría e poñan así fin a unha situación que «se ven repetindo sen excepción o que xera un profundo malestar na cidadanía do concello por atoparse sen atención axeitada para os nenos e nenas». A situación, aparte de afectar aos habitantes de Viveiro, afecta tamén aos habitantes dos concellos limítrofes de Ourol e o Vicedo.
PERSOAL DE ENFERMARÍA SEN CUBRIR.
A central nacionalista tamén denuncia o peche este luns de dúas consultas de enfermaría por ausencias xustificadas e programadas das e dos profesionais.
Esta decisión, a de non substituír ao persoal, o que está a ter como consecuencia «é a redución de servizos e unha sobrecarga de traballo que repercute na calidade asistencial», engaden.
Dende CIG-Saúde A Mariña esixen a cobertura de todas as ausencias e consideran que «é básico rescatar a sanidade pública galega e dignificar a Atención Primaria para garantir un servizo básico de calidade e proximidade fronte os gobernos do PP que pretenden convertela nun privilexio».