Mondoñedo, 20 de abril de 2019.- En Marea Mondoñedo presentou hoxe á súa candidata á alcaldía nas eleccións do vindeiro 26 de maio. Chus Amieiro, empresaria de hostelería e veciña da cidade encabezará un proxecto orientado a “recuperar Mondoñedo para os veciños e veciñas”.
Nun acto de denuncia da situación medioambiental do Concello cos casos da louseira do val do Bao e o proxectado parque eólico de Sasdónigas, En Marea Mondoñedo presentou a súa candidata e alertou de que non vai permitir “a depredación do territorio”. O acto contou coa presenza do deputado Francisco Casal e da cabeza de lista ao Congreso Cristina Pérez, así como Javier Arca e Teresa Burgo (nº 2 e 3 ao Congreso) e Manuel Germado (candidato ao Senado).
Casal salientou a aposta de En Marea por unha “transición ecolóxica integradora” e por aprender das experiencias neste sentido do norte de Europa, así como por impulsar lexislacións contra a deslocalización de empresas e por un investimento responsable de recursos. Cristina Pérez lembrou a necesidade de compaxinar estas medidas coa xustiza fiscal e Teresa Burgo lamentou a “desfeita ambiental” de que foi testemuña en Mondoñedo.