Co obxectivo de mellorar a imaxe do concello, o rexedor requirirá aos propietarios e promotores destes proxectos, na súa maioría bancos e entidades financeiras, para que, dentro do prazo de catro meses, opten entre as dúas alternativas que o Concello lles pon sobre a mesa: reiniciar as obras para acabar as construcións ou, pola contra, derrubar os esqueletos de maneira inmediata.
O alcalde considera que “unha vez que se pechou o proceso xudicial, que afectaba aos membros da xunta de goberno, pero tamén á validez das propias licencias concedidas, cuxa nulidade estaba interesada no litixio, é o momento de actuar para protexer a contorna paisaxística do municipio”.
“Non puidemos facer nada durante todos estes anos para non entorpecer o proceso xudicial aberto, á espera do resultado absolutorio, que é o que foi finalmente, proceso que finalizou ademais sen afectar a anulación das licencias deste edificios”, sostivo Alfonso Fuente. Por iso, incidiu en que “agora é a nosa obriga esixir aos promotores que actúen porque Barreiros non se merece ofrecer esta imaxe á que se viu abocada por una mala actuación no seu día do goberno bipartito da Xunta só por cuestións políticas, como quedou demostrado no xuízo”.
Froito deste “inxusto e arbitrario proceder da Xunta” e da crise inmobiliaria, a imaxe de Barreiros quedou fortemente prexudicada, “tanto desde o punto de vista paisaxístico, pero tamén a súa potente marca turística xa que é un dos municipios de maior beleza natural da Mariña lucense. Temos que devolverlle o seu esplendor”, asevera o rexedor.
A intención do Concello é que nun ano non quede rastro dos esqueletos destes edificios inacabados que afean un municipio que é un dos referentes turísticos do norte de Galicia. O goberno local avanza que seguirá a traballar para que o turismo de xeito controlado sexa unha fonte de dinamización económica do municipio e, polo tanto, de toda a zona, potenciando a súa desestacionalización.