Site icon Crónica3.com A Mariña

Acisa anima a adquirir panchas. Poderánse canxear 30 euros por 40 para gastar nos máis de 80 comercios participantes ata o 5 de maio

Ribadeo, 4 de abril de 2019. Acisa Ribadeo anima aos ribadenses e aquelas persoas que visiten a vila a adquirir desde hoxe, 4 de abril, a moeda local Pancha. Cada persoa poderá canxear 30 euros por 40 panchas que terán un valor de 40 euros para gastar nos máis de 80 comercios participantes entre mañá e o 5 de maio.
Haberá 1.000 packs á venda polo que a asociación recomenda acudir canto antes ás oficinas de ABanca a adquirir a moeda, en horario de 8:15 a 14:15 horas, de luns a venres, e os xoves tamén de 16:30 a 18:45 h. Cada persoa poderá facerse con 80 panchas como máximo e levar o DNI de catro persoas para recoller as súas moedas, no caso daqueles que non poidan acudir no horario establecido. A duración da campaña será do 5 de abril, día no que poderán comezar a gastarse as panchas nos comercios adheridos, ata o 5 de maio, data na que a moeda deixa de ter validez.
Desde Acisa, como asociación que engloba á maior parte do comercio ribadense e coorganizadora da campaña xunto ao Concello de Ribadeo e ABanca, “animan a todos os ribadenses e visitantes a adquirir as panchas, xa que en poucos sitios vas ao banco con 30 euros e saes co equivalente a 40 euros para gastar no comercio local”, indica o presidente da patronal. Francisco Iriarte cre que “esta campaña servirá de revulsivo ao comercio que non pasa polos seus mellores momentos e estamos regalando a cada persoa 10 euros por cada 30 euros que gaste. Pensamos que esta iniciativa é moi importante para o comercio local, inxectando na economía da vila 10.000 euros para fomentar as compras no pequeno comercio. Estamos falando de xerar un movemento como mínimo de 40.000 euros en ventas durante un mes”.
E engade: “estamos moi satisfeitos coa participación do comercio en xeral que supera os 80 establecementos adheridos, e quero agradecer aos asociados de Acisa en especial a súa participación, xa que supoñen un número moi importante de comercios”.
Pola súa banda o xerente de Acisa, Jesús Pérez, sinala que “as adhesións á campaña foron moi numerosas, superando os 80 establecementos inscritos. A asociación conta con arredor de 160 socios dos cales poden participar nesta iniciativa uns 70, e finalmente adheríronse 55, o que supón o 80% dos socios que podían terse inscrito, aos que hai que sumar os comercios que non son socios. En total case o 70% dos participantes son socios de Acisa”.
Jesús Pérez salienta que “só os establecementos que participen na campaña teñen a posibilidade de cobrar con panchas. O listado dos comercios adheridos pode consultarse no enlace http://panchamoedalocal.ribadeo.org/onde-consumir. Ademais Acisa, como servicio para os seus socios que participan nesta iniciativa, fará unha publicidade especial nas redes sociais e os comercios asociados terán o asesoramento para resolver calquera dúbida ou incidencia que poida xurdir durante a campaña”.
Tanto o presidente como o xerente de Acisa agradecen a participación dos comercios asociados que son: Siñeiro Hogar, Adele, Phone House, Manteleiro, Óptica Miró, Opticalia Ribadeo, Centro Auditivo Global, Beep, Bis a Bis, Folder, Manín, Xeito Decoración, Pequerrechos, Castillo de Pesca, Hola Ola Surf, Hola Ola Street Shop, Bora Bora, Naná, Ferretería Morán, Calzados Menfer, Óptica Duovisión, Platería Gutié, Nina, Con Sentidiño, Mercería Vizcaya, Marcelota, La Floristería, Din & Don, Glass, Farfala, Óptica Carreira, Anais, Mercería Torviso, Calzados La Moda, Calzados La moda Hombre, Sargadelos Ribadeo, R23, La Moda Básico, Lencería Julia, La Moda Sport, Esprit, Boutique Valentina, Foto Miguel, Dandara Ribadeo, Boutique del Río, Jatay, Coco, Fauna, Tien-21, Sanjurjo Moda, Ginzo Hombre-Mujer, Mika, Joyería Azabache, Deportes Docobo e Electronima.
O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, manifesta que “estamos moi satisfeitos de que, xa só cos socios de Acisa, teñamos tanta variedade de oferta, aos que hai que sumar os que non son membros do colectivo. Contamos con tendas de roupa de muller, home, bebé e xente moza, mercerías, xoierías, calzado, tendas deportivas, papelerías e librarías, xogueterías, telefonía, electrodomésticos, electricidade, agasallos, tendas para mascotas, centros de ocio infantil, decoración, fotografía, ópticas e floristerías. Cubrimos case o 100% da oferta comercial nunha época preto da Semana Santa, da celebración do Día da Nai, período de comuñóns ou outros eventos como vodas. Ademais algúns socios participantes xa nos indicaron que acompañarán esta campaña con descontos”.
Francisco Iriarte di que “en próximas datas esperamos anunciar as iniciativas nas que estamos traballando para os sectores que non participan nesta campaña como hostalería, servizos ou o comercio que non se puido adherir”.

Exit mobile version