Ribadeo 16-4-19. A mobilidade é un dereito, mais a mobilidade en vehículo privado -símbolo máximo da liberdade na nosa cultura- é un dereito que debemos autolimitar. As novas xeracións urbanas están xa a prescindir do automóbil en propiedade, en parte pola precariedade laboral na que viven, en parte tamén debido á mellora do transporte público, ó medrar a conciencia ambiental e xurdir alternativas de mobilidade eléctrica e compartida. Nas vilas pequenas e zonas rurais a precariedade do transporte público fainos moi dependentes do vehículo privado, pero tamén levamos unha demora na sensibilización e posta en marcha de programas e infraestruturas de mobilidade sustentable.
1. Camiñando ó cole: O movemento demóstrase camiñando, e desde En Marea queremos comezar polas máis novas, organizando da man das concellerías de educación e mocidade rutas grupais acompañadas ós colexios para o alumnado da vila, para fomentar o hábito saudable de camiñar e reducir o tráfico na contorna dos centros de ensino, e con ilo o ruido e a contaminación.
2. Fomento da bicicleta: A nosa vila, polas súas dimensións e fácil transitabilidade, é axeitada para a mobilidade ciclista, polo que cómpre fomentala -máis aló de poñer un cartaz na entrada- especialmente entre a mocidade. Propoñemos sinalizar un carril-bici desde San Roque até o instituto e outro desde a rúa Deputación até o colexio. A maiores propoñemos limitar a velocidade máxima en todo o núcleo urbán a 30Km/h, compatible coa seguridade das bicicletas. Finalmente, para facilitar a incorporación á bicicleta tamén para a veciñanza que vive en pisos pequenos, propoñemos a creación na vila dun aparcadoiro de bicicletas cuberto, vixiado e gratuíto.
3. Transporte público no rural: O noso concello non ten transporte público, que só están obrigados a desenvolver ós concellos con máis de 50.000 habitantes. Esta limitación, comprensible para lugares onde a poboación se concentra nun núcleo urbán, non cobre as necesidades daqueles nos que a poboación vive espallada por todo o seu territorio, polo que desde En Marea plantexamos unha política de mobilidade que teña en conta as necesidades das persoas do rural.
Sendo como é o transporte público un servizo moi caro, en Marea apoia a proposta de aproveitar o servizo escolar para que a veciñanza do rural poida achegarse á vila a realizar as súas compras, facer xestións, achegarse ó centro de saúde, etc. Para outros horarios ou necesidades, propoñemos desenvolver un acordo cos taxistas locais para dotar ás empadroadas nas parroquias dun servizo bonificado de taxi a 1€/viaxe para achegarse á vila, de xeito que poidan disfrutar dos servizos (escola de música, piscina, etc.) en igualdade de condicións ca os que nela viven.
Entendendo que o servizo de taxi é esencial para a mobilidade pública ribadense, propoñemos afondar o diálogo a colaboración do Concello co sector, no que debater ideas como por exemplo a de crear puntos gratuítos de recarga na súa parada para facilitar a conversión á mobilidade eléctrica.
4. Mobilidade interurbana: Garantir a conectividade entre as vilas mariñás combinando a FEVE e o bus para dar resposta ás necesidades de mobilidade de estudantes, traballadores e usuarios dos servizos (facenda, seguridade social, xulgados, hospital, etc.) debe ser un tema central do traballo da Mancomunidade de concellos da Mariña. Asemade Ribadeo, como cabeza de comarca, debe gozar cando menos de dúas conexións diarias en bus (mañán e tarde) con Lugo e unha coa Coruña e Oviedo, en tanto a FEVE non sexa unha alternativa razoable para a media distancia.
5. Foro local de mobilidade: Coma sempre, estamos ante un debate aberto, e calquera medida que se tome entendemos que debe ser consensuada coa veciñanza e o resto de forzas políticas, para o que promoveremos a creación dun foro local de mobilidade no que poidan facer as súas críticas e achegas as asociacións veciñais, deportivas e calquera persoa interesada nestes temas.