Site icon Crónica3.com A Mariña

ABANCA, Afundación e o Concello de Burela asinan un convenio de colaboración cultural

 Burela. 29.04.2019. ABANCA, Afundación e o Concello de Burela asinaron este luns no Concello de Burela, un convenio de colaboración cultural mediante o que as tres entidades desenvolverán a exposición «Auga. O sangue da terra», obra do fotógrafo Manuel Valcárcel, e unha programación de actividades educativas paralelas á mostra. Asistiron á sinatura o alcalde, Alfredo Llano García; Óscar Rodríguez Rodríguez, coordinador de Negocio Institucional de ABANCA en Lugo; e a coordinadora Institucional de Afundación para Ourense e Lugo, Beatriz Fernández-Anguiano.
A exposición «Auga. O sangue da terra» realiza un percorrido pola relación do ser humano coa auga mediante fotografías dos cinco continentes. Lugares tan remotos como Nova Celandia, India, China, Níxer, o deserto de Atacama e outros próximos, como a cunca do lugués río Lor foron fotografados por Manuel Valcárcel e recollidos neste proxecto expositivo que ten como obxectivo valorar a importancia da auga como elemento vital e amosar como inflúe a presenza ou ausencia dela nas culturas, nas paisaxes e nos ecosistemas. Esta mostra, de entrada libre e gratuíta, inaugurarase o vindeiro 3 de maio na Sala de Arte da Casa da Cultura de Burela (rúa Pardo Bazán, 6) e permanecerá aberta de luns a vernes de 10.00 a 13.00 h e de 17.00 a 20.00 h, ata o 28 de maio.
Esta colaboración é parte do proxecto «Corrente cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.

Exit mobile version