Alfoz, 26 de abril de 2019.- A Xunta de Galicia vén de contratar a un médico para cubrir a praza que quedará vacante no centro de saúde de Alfoz. O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que o novo facultativo incorporarase tan pronto sexa oficial a vacante -o que fai posible a nova alta-, o día 1 de maio.
O delegado confía en que “en cuestión duns días recuperemos o funcionamento normal no centro de saúde desta localidade” e afirma que está a ser complexo realizar este tipo de contratacións pola escaseza de profesionais. “En Galicia, e tamén no conxunto de España, desde a administración atopámonos con dificultades para cubrir baixas prolongadas e substitucións de médicos, pero realizamos todos os esforzos para seguir prestando a mellor atención posible”, sinalou Balseiro.