Neste sentido, Conde apuntou que a reunión rematou sen ningún tipo de avance, e sen unha posición por parte do Goberno central que sexa única e integral para que o Estatuto da empresa electrointensiva dea unha resposta solvente. A este respecto, indicou que o Executivo non trasladou ningún tipo de resposta sobre as alegacións presentadas pola Xunta e as empresas electrointensivas galegas. “Estamos no momento de despexar incertezas e pasar á concreción e a dar certezas aos investidores”, sinalou Conde, quen demanda maior transparencia e maior compromiso por parte do Goberno para poder concretar o conxunto de medidas que se van aceptar para atopar a solución a Alcoa.
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria incidiu en que para Galicia a prioridade é poder ter un estatuto que estableza un prezo da electricidade, para que poida haber así concreción nas ofertas vinculantes que se poidan presentar a futuro. Para iso, Conde demandou un compromiso concreto por parte de todo o Goberno, sinalando que unha solución integral ten que partir dun compromiso non só do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo senón tamén do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Ministerio de Facenda, avanzando así no sistema de peaxes e na fiscalidade.
Francisco Conde sinalou así mesmo que, aínda que o Goberno trasladou que hai 12 manifestacións de interese para as plantas, “ese é un debate estéril, unha cortina de fume que non permite albiscar unha solución porque ningún investidor vai presentar unha oferta vinculante” na actual situación. Nese sentido, incidiu en que “o primeiro paso necesariamente é ter un estatuto e ter unha concreción desde o punto de vista do prezo eléctrico”.