Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta impulsa o emprego local en 29 concellos lugueses cunha achega de 1,3 m€ para que contraten a 114 desempregados perceptores da Risga

Lugo, 15 de marzo de 2019.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de resolver o programa de axudas polo que se achegarán 1,3 millóns de euros a 29 concellos lugueses para que contraten a 114 desempregados perceptores da Risga (Renda de Integración Social de Galicia).

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que esta medida busca favorecer a inserción laboral destas persoas e evitar así a súa cronificación nunha situación de exclusión. “É unha dobre oportunidade, tanto desde o punto de vista social como no relativo á oportunidade laboral que representa”, resumiu.

O programa contribúe tamén a apoiar aos concellos beneficiarios –na provincia de Lugo son 29 municipios- que incorporan novo persoal para realizar diferentes tarefas de interese municipal. Así, na relación de beneficiarios atopamos ocupacións tales como peóns, servizos de limpeza, peóns forestais, auxiliares de biblioteca, capataces e xardineiros, entre outras.

A convocatoria que vén de resolverse presenta como principal novidade a ampliación da duración do contrato apoiado pola Xunta, que pasa de 7 a 9 meses. Outra das novidades é o incremento da contía media concedida por traballador, que aumentará un 35,4%, para un salario medio en torno a 11.467 euros. A Xunta apoia os custes salariais totais -salario e seguridade social- para un máximo do 75% da xornada.

Os beneficiarios desta iniciativa serán aqueles perceptores da Risga que estean inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupados. Entre eles, terán preferencia aqueles que teñan asinado un proxecto de inserción de carácter laboral, conten con cargas familiares ou teñan máis de 45 anos.

Os principais concellos beneficiarios do programa nesta provincia son os de Lugo (190.580 euros de achega para 20 contratos); Monforte de Lemos (307.269 euros e 20 contratos); Sarria: (131.557,50 euros para 10 contratos); e Viveiro (99.911 euros e 10 contratos).

Obradoiros de emprego
Balseiro explicou que, tamén no ámbito do impulso ao emprego local, o último Consello da Xunta vén de autorizar a convocatoria de axudas para solicitar novos obradoiros de emprego, na que terán preferencia os Concellos Emprendedores (17 na nosa provincia) e que suporán destinar, no conxunto da comunidade, 24,5 millóns de euros entre 2019 e 2020 para poñer en marcha 80 obradoiros.

A través deles, máis de 1.500 desempregados recibirán formación e accederán a un posto de traballo para o desenvolvemento de tarefas que supoñan un servizo en beneficio da comunidade. Dos 24,5 millóns, 3,5 millóns destinaranse a obradoiros específicos para menores de 30 anos; e 21 millóns irán destinados a obradoiros duais, para beneficiar a 1.200 desempregados.

Ao igual que na edición pasada, primaranse os obradoiros do eido forestal e os específicos para mellorar o Camiño de Santiago. Ao respecto dos forestais, cómpre subliñar que esta modalidade dará acceso a certificados de profesionalidade nas especialidades de aproveitamento madeireiro, conservación e mellora do monte, silvicultura, etcétera, un ámbito con crecente demanda de profesionais sobre todo na nosa provincia.

Exit mobile version