Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta executará obras de mellora do firme da estrada LU-159 en Coto da Recadieira, no Concello de Mondoñedo

Mondoñedo, 09 de abril de 2019.- A Xunta de Galicia executará obras de mellora da estrada autonómica LU-159, no concello de Mondoñedo, que discorre por Coto da Recadieira e enlaza coa LU-160 (Mondoñedo-Ferreira do Valadouro).

O delegado territorial da Administración autonómica en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a actuación ten un orzamento próximo aos 42.000 euros e suporá actuar en toda a lonxitude da estrada (770 metros). Trátase dunha vía que formaba parte do antigo trazado da LU-160.

A Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, prevé iniciar as obras nos vindeiros días, en canto as circunstancias meteorolóxicas sexan propicias para garantir uns bos resultados, para o que cómpre que o tempo sexa seco.

Os traballos consisten na limpeza de marxes e cunetas e na extensión dunha nova capa de rodaxe con mestura asfáltica en quente en todo o treito. Posteriormente, realizarase o repintado das marcas viarias.

As obras están incluídas no contrato de conservación integral das estradas da rede autonómica na zona norte da provincia de Lugo, que coordina a Axencia Galega de Infraestruturas. Unha vez iniciadas, o prazo de execución estimado é dunha semana.

Exit mobile version