Lugo, 17 de abril de 2019.- A Xunta adxudicou diversas actuacións de mellora de cortalumes e pistas forestais que se levarán a cabo en medio cento de montes de 14 concellos da provincia de Lugo e que suman un importe global de 237.400 euros.
O delegado territorial da Administración autonómica en Lugo, José Manuel Balseiro, indicou que os proxectos serán executados sobre montes de titularidade privada, na gran maioría en mans de comunidades, que teñen asinado un convenio de xestión coa Consellería do Medio Rural. As obras están programadas polo servizo provincial de Montes.
As actuacións na Zona Sur suman un orzamento próximo aos 127.600 euros, case o 54% do importe global, para mellorar infraestruturas de prevención en 34 montes. Así, realizaranse limpezas de cortalumes e mellora de pistas en oito montes de Folgoso do Courel, oito de Quiroga, sete de Ribas de Sil, catro de Bóveda, tres da Pobra do Brollón, un de Pantón e un de Monforte de Lemos. Está prevista tamén a construción de cortalumes no monte Costa de San Cristovo de Taboada.
Na área da Mariña, intervirase en oito montes pertencentes a catro concellos: catro de Trabada, dous da Pontenova, un de Mondoñedo e outro de Xove. O investimento global é de 66.900 euros.
Así mesmo, acometerase a mellora de pistas en sete montes do concello da Fonsagrada e un de Guitiriz.