Lugo, 28 de abril de 2019.- A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, deu conta esta mañá de que na provincia de Lugo, a xornada está desenvolvéndose con absoluta normalidade e sen incidencias.
“As 541 mesas electorais da provincia constituíronse á súa hora e sen problemas e confío en que esa vai ser a tónica durante toda a xornada na que máis de 345.000 lucenses estamos chamados a elixir os nosos representantes nas Cortes Xerais”, manifestou a subdelegada.
Rodríguez lembrou que “para garantir a todos os lucenses o exercicio deste dereito, que é o piar da Democracia, puxemos en marcha un dispositivo que mobilizou hoxe máis de 4.000 persoas. Quero aproveitar para agradecer a todas elas o seu traballo e colaboración para facilitar aos lucenses o exercicio libre do noso dereito ao voto”.
28A EN DATOS
Nestes comicios, están chamados a votar 345.037 lucenses, dos que 278.291 residen nos 67 concellos da provincia e 66.746 son residentes no exterior.
As mesas electorais permanecerán abertas ata as 20:00 horas, cando se pecharán as urnas e comezará o reconto dos votos emitidos. Na provincia, solicitaron o voto por correo 9.634 cidadáns e tamén pediron votar cerca de 3.500 residentes no exterior.
Para que os lucenses poidamos escoller mañá os 4 deputados e 4 senadores que nos representarán a próxima lexislatura nas Cortes Xerais, constituironse na provincia un total de 541 mesas electorais e imprimíronse en total 3.000.000 de papeletas das 12 candidaturas proclamadas para o Congreso dos Deputados e 250.000 papeletas cos candidatos das 12 listas presentadas para o Senado.
As mesas electorais están formadas por un total de 1.623 cidadáns, que foron elixidos mediante sorteos celebrados en todos os concellos da provincia.
Para asegurar o normal desenvolvemento das votacións na provincia, organizouse un dispositivo formado por 960 funcionarios das forzas de seguridade. Ademais, 417 representantes da Administración encárganse de verificar a correcta apertura das mesas, resolver incidencias e recoller os datos dos recontos de votos tanto para o Congreso como para o Senado.