Alfoz, 10 de Abril de 2019. Xusto dentro dun ano, será o 800 aniversario daquel 10 de abril de 1220 no que o Rei Alfonso IX visitou as terras do actual Alfoz concedéndolle aos poboadores do Castrodouro o “Fuero de Benavente”, reproducindo o concedido á vila de Benavente por Fernando II de León en 1164, e que outorgaba ao Castrodouro o título de vila e un alfoz baixo a súa xurisdición. A concesión do “Fuero” sería a orixe e formación dunha nova vila e dun proxecto de repoboación. Tal a como nos indica Xabier Pardiñas, Responsable da Área de Cultura e Turismo do Concello de Alfoz, “A Vila do Castrodouro e o seu Alfoz foi a orixe dun novo municipio, conservando denominación de Alfoz do Castrodouro (ou Castro de Ouro) ata finais do século XX, cando desafortunadamente o topónimo se resume en Alfoz, retirándoselle o nome da vila que lle deu orixe”.
Coa intención de conmemorar a celebración desta efeméride, presentouse o anagrama que se utilizará no sucesivo en toda a publicidade da Área de Cultura e Turismo do Concello de Alfoz, “coa intención de ir dándolle visibilidade a esta data tan sinalada e tan importante na historia do noso concello”, sinala Pardiñas.