O edil burelés declarou que “desde o Concello de Burela, neste caso desde a Delegación de Turismo, imos intentar aproveitar a Semana Santa e ter todos os medios turísticos cos que contamos a disposición para atender a toda a xente que nos vai visitar estes días. A Semana Santa de Burela cada vez está congregando máis xente, está sendo máis chamativa e vai ser un foco de atención importante nestas datas”.
Ramiro Fernández anunciou que “imos ter aberta a oficina de turismo todos estes días, despois da contratación dunha técnico de turismo que está traballando xa nesas instalacións para dar información a todos aqueles que nos queiran visitar. Ademais o barco museo tamén vai estar aberto estes días no seu horario normal, con tres visitas pola mañá e dúas pola tarde. Esperemos que toda a xente que nos visite teña todos estes atractivos dispostos para poder disfrutar deles”.
O concelleiro de Turismo dixo que “as previsións son moi boas. A estimación que teñen os hoteis é rozar o 100% de ocupación, co cal quere dicir que Burela un ano máis segue sendo un referente no tema turístico a nivel da Mariña e esperemos que isto siga así durante os próximos anos. Hai satisfacción nos hostaleiros pola ocupación que prevén e satisfacción tamén no Concello de Burela. Quero invitar a todo o mundo que veña a disfrutar dos nosos atractivos turísticos”.
Fernández Rey lembrou que “outra das iniciativas que puxemos en marcha, xa levamos dous anos con elas, son as Xeorutas. Están tendo un éxito asombroso, como sempre, están tendo moitísima aceptación entre a xente, e a previsión que temos é que as rutas estean ao 100%, co cal é outro dos atractivos que temos que a xente agradece e que lle parece moi interesante”.