A comuna del barruzo. Un proxecto musical e artístico.
O luns 8 de abril ás 20.30 no salón de actos do Cenima arrancan as xornadas coa presentación d´ A comuna do barruzo, o último proxecto musical e artístico de Ugia Pedreira que acudirá a Foz para presentalo en compañía do seu editor Abel Pérez. A comuna del barruzo é un libro disco por Mialma producioes creativas e A central folque na que recollen diversas composicións musicadas por Ugia Pedreira e Pierrot Rougier sobre poemas de autores da comarca Eo Naviega como Hector Acebo, Quique Roxíos ou Belen Rico e que ven a ser o primeiro disco en galego de Asturias para o público infantil. As ilustracións que acompañan A comuna del barruzo son da autoría da pintora e ilustradora mariñá Mónica Justo, cunha importante obra no campo da pintura e da ilustración gráfica.
O mural cerámico
O martes 9 de abril ás 20.30 o salón de actos do Cenima acollerá a segunda das palestras. Nesta ocasión tócalle a quenda ao artista plástico viveirense Xosé Luís Neira Broch, recoñecido creador multifacético dunha longa traxectoria. Os murais cerámicos de Neira Brochs atópanse distribuídos pola práctica totalidade da xeografía peninsular formando un conxunto que destacan pola súa grandiosidade, expresividade e intensidade. Nado en Viveiro en 1941 é un dos poucos creadores lugueses vivos con obra exposta no museo Raíña Sofía, traballando incasabelmente desde 1960 en diversas disciplinas plásticas como a escultura, pintura, debuxo, deseño, vidro, cerámica.
O cotián revisado
O mércores 10 de abril ás 20:30 terá lugar no Cenima de Foz a terceira das sesisións de debate. A protagonista neste día será a pintora luguesa Sesé Santiso, que falará sobre o contido do seu último traballo exposto recentemente no museo provincial de Lugo. O cotián revisado pretende ser unha reivindicación do cotiá como instrumento ao servizo da memoria, un obxecto digno de ser prestado e, a súa vez, representado, a través dunha imaxe, que opera como documento, como pegada, como traza visual do tempo, pero tamén como aparello evocador. “O cotián ao ser descontextualizado, dotado dun escenario novo, posto en valor”, en palabras de María Xosé Santiso, “gaña en elocuencia pero tamén ofrecen unha oportunidade á suxestión da imaxinación”.
Máis que ver. Cen historias do deseño en Galiza.
O xoves 11 ás 20:30 terá lugar no Cenima a clausura desta v edición das xornadas Sentirmos a arte cunha palestra a cargo de Xosé Barro. Nado en Pontedeume en 1955 é unha das grandes referencias do deseño gráfico no espazo europeo, se ben a súa obra artística abrangueu outras disciplinas, destacándose como un dos autores pioneiros da banda deseñada en Galiza. Son centos os carteis, exposicións, portadas de libro, centros de interpretación ou imaxes corporativos producidos pola factoría de Barro, algunha delas tan vinculado á Mariña como pode ser o proxecto expositivo do centro de interpretación de San Martiño de Mondoñedo ou corenta anos atrás cartaz que serviu para convocar a marcha contra a central nuclear de Xove.