Ribadeo 9-4-19. Uns 55 rapaces e rapazas de 2º de Secundaria do IES Dionisio Gamallo percorreron onte o Camiño de Santiago o seu paso por Ribadeo desde Ove ata ao Santuario das Nosas Virtudes na Ponte de Arante. Nas dúas horas e media aproximadas que lles levou aos alumnos e alumnas facer este treito puideron disfrutar de ser peregrinos por un día e, deste xeito, coñecer o rico patrimonio que atesouran as parroquias do Concello polas que transcorre o Camiño. Á súa chegada ao santuario, os alumnos e alumnas do Obradoiro de Emprego Ribadeo co Camiño, organizador desta saída, explicaron aos rapaces as pinturas tardomedievais e o exvoto mariñeiro que se atopan no santuario de Arante, así como a Festa dos Pendóns que se celebra cada ano o Luns de Pentecoste neste lugar.
Esta actividade de sensibilización dirixida aos escolares inscríbese dentro dunha serie de accións que se están levando a cabo por parte dos alumnos e alumnas do Obradoiro de Emprego Ribadeo co Camiño co obxectivo de poñer en valor e promocionar o patrimonio paisaxístico e cultural do Camiño de Santiago ao seu paso polo Concello de Ribadeo.