No acto, García Porto, estivo acompañada polo Concelleiro de Deportes e Medio Rural de Lugo, Miguel Fernández; a Concelleira de Educación de Monforte de Lemos, Marina Doutón; o Secretario Nacional da CIG- Ensino, Xesús Bermello; a Secretaria da Mesa pola Normalización Lingüística, Mónica Pazos; o Presidente da AS-PG, Xoán Costa, e o Presidente da A. C. Correlingua, Anxo Terán. Nesta presentación entregáronse os premios os alumnos vencedores nas diferentes categorías do Correlingua, ao mesmo tempo que se avanzou o programa de actividades deste ano, que percorrerá 200 centros e no que participarán 18.000 alumnos de toda Galicia.
A Deputada convidou a todos os alumnos “a ser militantes activos na defensa da nosa lingua, e ao mesmo tempo das nosas tradicións e da nosa cultura. O galego é a nosa sinal de identidade, non podemos deixalo morrer, e vós sodes esa semente na que ten que seguir medrando cada día, en cada escola, nas vosas familias ou cos vosos amigos. Hai que amar, coidar, e mimar a nosa lingua, sen ela non temos futuro”.
Premiados 2019
Durante esta xornada, no Pazo de San Marcos, os alumnos gañadores nesta edición 2019 do Correlingua recibiron os seus premios. Na categoría de banda deseñada recolleu o premio o alumnado do CEIP Cabo da Area de Laxe. No certame de vídeo, na categoría infantil e primaria, gañou o alumnado do CEIP Albeiros de Lugo; e na categoría secundaria e bacharelato, o venceu o alumnado do CPR Concepción Arenal de Ourense. O diploma pola elaboración do manifesto recaeu no alumnado do IES de Carral da Coruña.
Programación
A programación deste ano inclúe actividades nun total de 12 Concellos de Galicia, que se celebrarán dende o 2 ao 16 de maio nas seguintes localidades; Cangas, A Coruña, Santiago de Compostela, Ribadeo, Ponteareas, Lugo, Narón, A Estrada, Monforte de Lemos, Vigo, Ourense e Pontevedra. Os 18.000 alumnos dos 200 centros educativos de Galicia, participarán nas actividades que están programadas para este ano e que arrancarán co lema, “O galego é a fórmula”. En cada xornada celebrarase unha carreira, lerase o manifesto realizado polos alumnado de 4º de ESO do IES de Carral, gañador do Correlingua 2019, “Temos química coa nosa lingua”. Tamén haberá actuacións musicais a cargo da Orquesta Cé Pantasma, concurso de animación, así como a actuación do vencedor do Cantalingua, entre outras.
O Correlingua
O Correlingua é unha actividade escolar que dura todo o curso. Iníciase no primeiro trimestre coa convocatoria dos concursos por medio dos cales o alumnado reflexiona sobre a situación do noso idioma e crea os seus propios argumentos (manifesto, vídeo, banda deseñada) para defender o seu dereito a vivir e medrar en galego. Finalmente, no terceiro trimestre e no mes de maio, celébranse as carreiras pola lingua que percorren todo o país, sacando á rúa esta mensaxe en prol do idioma.