Site icon Crónica3.com A Mariña

“13 de Abril de 2019” por Mario Pillado Mon

Vai para dous anos que escribía un artigo coma este, co motivo do descenso a Segunda División do CD Burela FS masculino, co título de “25 de Abril de 2012”. Dende esa referencia pasaron xa sete anos. Nos dous últimos o clube laranxa non parou de pelexar ata conseguir, o pasado sábado, o ansiado ascenso a Primeira División de fútbol sala.

A ledicia non foi completa, posto que o equipo femenino non puido co Atlético Futsi Navalcalnero, polo que se lle colocou o título de liga un tanto costa arriba. Aínda que de seguro que seguirán loitando e traerán mais ledicias á marea laranxa. Por algo temos un dos mellores equipos femeninos do mundo. (cando escribo estas liñas aínda non entrou en liza na Copa Xunta a disputar na Coruña)

Nestes dous anos pasaron moitas cousas, co título galego masculino incluído, perante equipos de superior categoría. Ó timón estivo un da casa, Juanma Marrube. E dando a cara na cancha nas boas pero tamén nas malas, tamén os da casa: Renato, Hélder, Iago Míguez, Edu, Mata…porque estes dous son xa da casa. É certo que viñeron outros profesionais de fora cun traballo extraordinario, pero o bloque é mariñán. E Pitero, Nito e demais canteiráns á espera de mais oportunidades. E van xa uns cantos laranxas que visten tanto as camisolas tanto das seleccións galegas como as españolas.

Agardan moitas ledicias, de feito existen títulos en xogo aínda nesta tempada, tanto a nivel galego coma estatal. De feito, teño un amigo, un deses que sempre está no Vista espectante, que di que o título mais importante é a Copa Xunta. E razón non lle falta. Porque temos que saber onde estamos e porque é o título que mais veces gañou este clube.

Tamén virán decepcións, polo que deberíamos manter os pés no chan, saber quen somos e os tesouros que temos, sen ir buscalos moi lonxe. Nesta mesma Copa Xunta debuta, na categoría infantil, un equipo de nenas de Burela, o que nunca antes ocorrera. Respétannos a nival de base por toda a xeografía do país e podemos disputar o terceiro Campionato de España Xuvenil consecutivo, o cuarto se temos en conta a categoría cadete.

Hai talento de sobra. Non depende de ninguén mais que de nós, non repetir erros, valorarnos e querernos para seguir loitando ante as adversidades que nos poñen diante, dende tódolos lugares. Dunhas LNFS e RFEF (coa súa territorial da RFGF) que despois de tantos anos non parecen aprender aínda qué é Burela. Duns medios galegos dos que só recibimos atención se facemos proezas. E dunhas institucións que nos ningunean sistemáticamente.

Como vendía o clube fai unhas semanas: “Isto é Burela, aquí hai que sachar!”. Qué acertado! Hai moito que sachar, por iso é hora de poñela funda e collelo sacho.

Agora Burela! Agora Canteira!

Como escribira fai dous anos: Somos da Mariña! Cheiramos a mar!

FORZA BURELA! VOLTAMOS!

Mario Pillado Mon
Voceiro BNG Burela e sobre todo afeccionado do CD Burela FS

Exit mobile version