Lugo, 24 de abril de 2019. A Deputada de Promoción Económico e Social, Sonsoles López Izquierdo, mantivo este mércores un encontro con usuarios e responsábeis da Delegación de Auxilia en Lugo, nas instalacións das que dispón a asociación na cidade de Lugo. Durante o encontro, no que estiveron presentes a Delegada de Auxilia Lugo, Nuria Neira, e a psicóloga que presta atención aos usuarios, Raquel Lombao. A Deputación apoia o labor desta asociación aportando 5.000 euros para o programa de mellora da autonomía persoal no domicilio.
López Izquierdo coñeceu, da man das representantes da asociación, as problemáticas as que se enfrontan os usuarios que participan nas sesións de estimulación cognitiva e psicomotriz que Auxilia ofrece os mércores a tarde. A asociación mantén outras liñas de traballo como son a eliminación de barreiras arquitectónicas na cidade, impulso do turismo accesible, promoción do voluntariado ou o desenvolvemento asociativo.
A Deputada destacou “o traballo que fai esta asociación, non só o máis mediático, como son as campañas de concienciación, como cando fomos ao Adro da Catedral, tamén o invisible como a atención psicolóxica e o seguimento dos seus 116 usuarios, ademais de ofrecerlles opcións de ocio e lecer adaptado que melloren a súa autonomía persoal e social”.
Auxilia é unha asociación que chegou a Lugo no ano 1972 e desde ese momento traballa en prol da igualdade e a xustiza social, e busca rematar coa desigualdade, a falta de formación e de oportunidades e a marxinación que sofren as persoas con diversidade funcional e enfermos de longa cura. Neste momento 8 voluntarios axudan á Delegada, á traballadora social e á psicóloga que atenden aos 116 socios que forman parte da asociación. Auxilia conta con outra delegación en Monforte de Lemos.