Site icon Crónica3.com A Mariña

Tres alumnas e un alumno de 1º de BACH do IES Ribadeo Dionisio Gamallo resultaron seleccionados para participar na XIX Sesión Nacional do Modelo de Parlamento Europeo

Ribadeo 15-3-19. Tres alumnas e un alumno de 1º de BACH do IES Ribadeo Dionisio Gamallo resultaron seleccionados para participar na XIX Sesión Nacional do Modelo de Parlamento Europeo, que se celebrará do venres 22 ao luns 25 de marzo en León.
Tres destes alumnos son protagonistas tamén do proxecto ERASMUS+ que o centro coordina e que ten como socio a un instituto alemán, e cursan a materia de EUROPA, unha optativa de libre configuración ofertada polo centro, no que traballan contidos relacionados coa Unión Europea.
A través desta materia elaboraron catro temas de debate de actualidade europea e cada tema se engloba dentro do traballo dunha comisión: Comisión de Asuntos Exteriores; Comisión de Emprego e Asuntos Sociais; Comisión de Medio Ambiente, Saúde Pública e Seguridade Alimentaria; Comisión de Liberdades Civís, Xustiza e Asuntos de Interior. Aos que lles correspondían respectivamente os seguintes problemas actuais: Política exterior da UE: caso Rusia; Empregabilidade de persoas en risco de exclusión laboral; A asistencia sanitaria en Europa; A UE e a era dixital. O centro resultou seleccionado e agora o alumnado deberá poñer en común e discutir a súa proposta con alumnado de todas partes de España para chegar a un consenso que se reflectirá na redacción dunha resolución que deberá ser aprobada pola Asemblea.
A cerimonia de apertura terá lugar no Palacio Conde Luna de León, e a sesión final do luns será na Casa Consistorial de León. Durante a fin de semana os xoves delegados reunidos por comisións discutirán con representantes de toda España sobre ditos temas e elaborarán resolucións que discutirán e validarán na sesión final.
O Patronato de Honra do Modelo de Parlamento Europeo está composto polos ex-presidentes do Parlamento Europeo: D. José Mª Gil-Robles, D. Enrique Barón e D. Josep Borrell. O obxectivo deste programa é fomentar nos xoves a conciencia de cidadanía europea e a cultura de debate parlamentario construtivo, a través da recreación de sesións parlamentarias entre estudantes.
Noraboa pois aos nosos representantes, que compartirán responsabilidades co alumnado do Colexio Peleteiro e do Colexio La Salle de Galicia, e cos restantes representantes do resto de España. Confiamos en que esta forma de proceder sexa un bo augurio para os futuros tempos sociais e políticos que virán. Queda posto así o noso grao educativo de area na procura e consolidación dunha cidadanía global consciente e responsable, que de seguro nos traerá un futuro mellor.

Exit mobile version