Cervo, 29 de marzo de 2019.- A Casa da Cultura de San Cibrao acolleu a presentación do II Campus de Baloncesto EntreNos, que terá lugar na vila entre o 30 de xuño e o 6 de xullo.
Na rolda de prensa participaron o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, o edil de Deportes, José Ramón Soto, o director do Campus, Nacho Mota, o director deportivo do mesmo, Cristino Menor, e o responsable de comunicación, Pablo Ojea.
Na actividade deportiva poderán participar todos os mozos e mozas nacidos entre o 2002 e o 2009 (ambos incluídos); e a inscrición permanecerá aberta ata o 15 de xuño.
O principal distintivo deste Campus é que xogadores e xogadoras en activo de primeiro nivel convivirán e adestrarán coa mocidade participante día tras día; polo que é unha oportunidade única para compartir charlas e intercambiar experiencias con profesionais deste deporte.
Os xogadores participantes, e que repiten dado o positiva que resultou a edición anterior, son Erik Quintela (Iberojet Palma), Adrián Chapela (Força Lleida), Sergi Quintela (Força Lleida), Candela Abejón (Manhattan College) e Paula Ahuja (Celta de Vigo); e Esther Castedo (Robert Morris University) que se suma este ano ao proxecto.
O Campus EntreNos ofrece aos participantes, ademais, outro tipo de actividades complementarias relacionadas co deporte e adaptadas á contorna como é a práctica de surf e piragüismo, pero tamén coa cultura, como visitas ao Museo do Mar ou a visualización de diferentes pezas audiovisuais no auditorio da Casa da Cultura.
O rexedor de Cervo, Alfonso Villares, puxo en valor o gran traballo da organización destacando “o tremendo esforzo e horas de dedicación investidas para poder poñer en marcha un Campus destas características”. Unha actividade que -engadiu- tralo éxito do ano pasado “vai encamiñada a consolidarse como un encontro baloncestístico de primeiro nivel na provincia”.
Pola nosa banda –engadiu Soto- “contan con todo o noso apoio e poñemos á súa disposición todas as instalacións municipais necesarias para que tanto os xogadores e xogadoras participantes, como os/as adestradores/as que nos visiten, poidan vivir unha experiencia inesquecible, co fin de que todos leven consigo un bo recordo da súa estancia no noso concello”.
Os participantes terán como campamento base as aulas do CEIP Península da Paz, en San Cibrao, que estará acondicionado para a ocasión con liteiras e todo o equipamento necesario, e terán servizo de cociña no propio centro; ademais de poder utilizar o patio de xogos que conta con cancha de baloncesto e porterías; e unha zona verde de esparcimento en plena natureza dentro do recinto pechado.
O escenario dos adestramentos será o Pavillón da Veiga, onde os rapaces e rapazas recibirán as nocións da man dos/das xogadores/as estrela, e tamén de diferentes adestradores/as profesionais que levarán con eles o peso das sesións.
Os asistentes, ademais de practicar baloncesto, poderán desfrutar da contorna do Concello; e empregar as instalacións da Piscina Olímpica Municipal, única destas características na provincia de Lugo.
Os prezos por xogador ascenden a 250 euros en media pensión e 360 euros en pensión completa.
A organización puxo en funcionamento a web http://campusbasketsanciprian.com/ onde dan cumprida conta de todo canto rodea ao Campus e poñen a disposición dos interesados o teléfono de contacto 653.48.94.06.
Precisaron que nesta ocasión case duplicamos o número de prazas pasando de 55 a 80; e a estas alturas “xa podemos dicir que a inscrición avanza a moi bo ritmo, xa que só quedan 35 prazas dispoñibles”.
Ademais, quixeron agradecer ao Concello de Cervo toda a axuda e colaboración prestada para que o Campus EntreNos sexa unha realidade un ano máis; e ás entidades que patrocinan o evento como Gadis, Carreiras, Fontecelta e o Grupo Breogán Motor.