Este ano os premios foron a parar ós seguintes filmes:
PREMIO DO PÚBLICO: “O preguiceiro”, dirixido por Paz Quiroga, profesora do Instituto Alfoz-Valadouro, que rodou a película cos seus alumnos de Teatro baseándose en diversos contos populares galegos. O filme xa obtivera o Primeiro Premio do Festival OuffEscola, encadrado dentro do Ourencine.
PREMIO Á MELLOR PELÍCULA DO VAL: “O río”, de José Ramón Leal, producido por Terra Branca Audiovisuais, de Ribadeo. Trátase dun fermoso e poético documental sobre o río Ouro, no que colabora o poeta Paco Rivas.
MELLOR PELÍCULA DO CERTAME: “Instrucciones para empezar a hablar gallego”, de Matías Nicieza, baseado nunha historia de Séchu Sende.
O gran triunfador da gala foi, polo tanto, Matías Nicieza, que na película gañadora explicou, dun xeito cómico e cheo de retranca, como son os prexuízos os que evitan que moita xente fale galego, como se fose unha cousa rara facelo. No filme, rodado en Burela e O Valadouro, participan actores de diversos grupos de teatro da comarca, como O Bordelo, Pico do Castro, Raiolas, O Centiño, etc. O gañador conseguiu de premio 300 euros e a figura emblemática do Castelo do Castrodouro fabricada pola fábrica de Sargadelos, segundo deseño do alfocense Pepe Blanco.