Burela, a 2 de marzo de 2019.- A Comisión Xestora do Partido Popular de Burela considera “que Alfredo Llano está inhabilitado politicamente para ser aspirante a senador polo PSOE, xa que perdeu as primarias no seno da agrupación socialista burelesa. Ese mesmo resultado déixao en moi mal lugar para repetir como candidato á alcaldía”.
A xestora popular de Burela entende que “á vista dos resultados feitos públicos sobre as primarias socialistas en Burela, Llano ten serios problemas para acadar apoios dentro dos socialistas de Burela. Se un alcalde que aspira a ser senador non é capaz de mobilizar aos afiliados da súa agrupación local para que voten nas primarias, que por riba perdeu, é que algo está facendo mal ou é que como alcalde non fixo moito para merecer a confianza dos seus propios compañeiros”.
Os populares de Burela indican que “non entramos a valorar a vida interna do PSOE, só valoramos os resultados das súas primarias en Burela con respecto a Alfredo Llano. Pero o certo é que a votación da agrupación socialista demostra que nin os seus propios compañeiros cren en Alfredo Llano”. Así mesmo, cren que o rexedor socialista debería analizar o que fixo estes catro anos desde a alcaldía e valorar se Burela e o PSOE se merecen un candidato coma el para competir nas municipais. Os seus propios compañeiros semella que lle acaban de dicir o que pensan”, conclúen.