Site icon Crónica3.com A Mariña

Os populares apelan ao voto útil como único freo posible ao castigo que Sánchez programa para Lugo

Lugo, 29 de marzo, 2019. O Partido Popular de Lugo presentou esta tarde de xeito oficial ás candidaturas coas que concorre pola provincia ás vindeiras eleccións xerais, nun acto celebrado na sede provincial coa participación do presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, e durante o que os cabezas de lista ao Congreso e ao Senado, Jaime de Olano e José Manuel Barreiro, respectivamente, destacaron a importancia que teñen estes comicios para a provincia, ao tempo que apelaron ao voto útil para o PP como única vía posible para frear o castigo que Sánchez ten programado para a provincia co consentimento dos socialistas lucenses.

Os populares aseguran que Pablo Casado é “un valor seguro” para Galicia e para Lugo. O candidato ao Congreso, Jaime de Olano, defendeu que “con Casado a nosa provincia non se verá prexudicada polos Presupostos Xerais tal e como pretendía Sánchez rebaixando as partidas para as nosas estradas e autovías nun 35% e para o tren nun 65%, e deixando no esquecemento demandas tan importantes e comprometidas polo PP con dotacións económicas, como é, por exemplo, a da nova Comisaría Nacional de Policía”.

O candidato ao Congreso destacou que esta campaña electoral é “cuestión de todos . Todos debemos facer un esforzo. Cada voto conta. O voto ao PP é o único valor seguro para non engordar ao PSOE que menospreza aos lucenses. As persoas que hoxe formamos estas candidaturas temos por diante o reto de continuar a traballar para dar estabilidade no Goberno central, para que haxa rigor, coherencia e sentido común e para que aos lucenses se nos escoite e se nos atenda en Madrid”.

Equipos que combinan experiencia e renovación
Durante a presentación das persoas que integran as candidaturas ao Congreso e ao Senado e que, segundo precisaron Olano e Barreiro, combinan experiencia e renovación; o cabeza de lista á Cámara Alta, José Manuel Barreiro, fixo fincapé na importancia que ten a próxima cita electoral e destacou que o PP é “o único partido capaz de desenvolver un proxecto de Goberno tal e como demostra. Do outro lado só se atopa a incerteza do que traen consigo algún partidos e un Goberno socialista que lle serviu toda forma para chegar ao poder pero que despois non soubo xestionar”.

Barreiro remarcou que “é necesario explicar o que se fixo, que o PP si sabe xestionar presupostos que melloraron a nosa economía, reduciron o paro, permitíronos saír da crise. Temos o exemplo de Rajoy, de Alberto Núñez Feijóo e de moitos dos nosos concellos. A Lugo interésalle o PP e Casado, o voto a calquera outro formación supón o apoio a aqueles que pretenden sacar adiante medidas coas que, por exemplo, lle quitan 63 euros a cada galego para darllos a outras comunidades máis ricas”.

Un valor seguro
Para os populares lucenses, Casado é un valor seguro para que España siga unida, xa que “ninguén ten o dereito de arrebatarnos aos españois o que é de todos. Tamén consideran ao candidato nacional como un valor seguro para o emprego, “como sempre conseguimos cada vez que gobernamos”. De 2012 a 2018, creáronse case 3 millóns de empregos co PP. E, en Galicia, no mes de febreiro máis de 1.780 persoas abandonaron as listas do paro con respecto ao mesmomes de 2018, sendo a provincia onde máis baixa o paro cun Goberno do PP á cabeza.

Por último, tamén reivindicaron ao PP como un “valor seguro” para baixar os impostos, para as nosas empresas e para o crecemento económico, facendo o que sexa necesario para asegurar o mantemento de Alcoa e outras empresas en Galicia. Jaime de Olano precisou que onte mesmo “recibín no Congreso ao Comité de Empresa de A Coruña e Avilés e o martes reunímonos co Comité de San Cibrao. Alí estivemos mentres Sánchez pecha empresas, dende o PP estamos do lado dos 2.000 empregados e das 6.000 familias cuxa renda depende do mantemento de Alcoa”.

Candidaturas
A lista que presenta o PP pola provincia de Lugo ao Congreso dos Deputados está encabezada polo avogado viveirense Jaime de Olano, concelleiro do PP en Viveiro e deputado no Congreso dende o 2011 onde exerceu como portavoz adxunto do Grupo Parlamentario Popular desde xullo de 2018 e, previamente, como voceiro de Orzamentos.

Joaquín García Díez, número 2 da lista, é biólogo. Foi alcalde de Lugo e formou parte dende o 2004 do Grupo Parlamentario Popular no Congreso onde foi portavoz de Pesca e portavoz da mesma materia na Comisión de Agricultura, Pesca e Alimentación.

A farmacéutica e concelleira focense de asuntos sociais, sanidade, educación, muller, xuventude e inmigración, Mercedes González Alonso, sitúase no número 3 da lista popular lucense ao Congreso que pecha María del Mar Carballas Piñeiro.

Javier Santín Vilor, María Manuela Carballeira García, Jesús Rodríguez Martínez, María José Blanco Freire e Begoña Sanjurjo Santar completan a candidatura popular como suplentes.

O senador e membro da Deputación Permanente, José Manuel Barreiro Fernández, encabeza a candidatura do PP pola nosa provincia ao Senado. Doutor en Ciencias Económicas e Empresariais e catedrático da USC, é na actualidade portavoz adxunto do Grupo Popular no Senado onde tamén exerceu previamente como portavoz e portavoz de Economía. Miguel González Lemos e Eugenia Vizcaíno Gómez son o seu primeiro e segunda suplente, respectivamente.

A xestora administrativa; concelleira de xuventude, voluntariado e turismo no Concello de Quiroga dende o 2011 e presidenta de NNXX da provincia, Rosa Arza, ocupa o segundo lugar da candidatura do PP ao Senado por Lugo. E no número tres figura Manuel Lorenzo Varela, diplomado en Ciencias Sociais e alcalde de Chantada.

Exit mobile version