Barreiros, 26 de marzo de 2019.- O Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, mantivo un encontro con compañeiros do partido en Barreiros no que abordaron o proxecto dos socialistas para ofrecer servizos públicos aos veciños e a posta en valor deste Concello.
Santos Ramos, acompañado da voceira municipal, Carmen Veiga, subliñou que os socialistas son os principais e case os únicos que achegan investimentos públicos para os preto de 3.000 veciños de Barreiros. Foron máis de 2 millóns de euros que o Executivo do PSOE da Deputación levou ao Concello como o arranxo da contorna do centro de San Miguel de Reinante, onde se celebra a Festa do Emigrante, está localizado un dos campos de fútbol, a pista de padel e onde teñen a maioría de colectivos sociais do Concello os seus locais.
“O facemos porque a Xunta de Galicia do PP ten totalmente abandonados aos barreirenses e nós, dende o Goberno Provincial, non o imos permitir. Por iso, os socialistas seguiremos impulsando iniciativas que busquen mellorar a calidade de vida das persoas, dinamizando a economía a través de sectores tan importantes para Barreiros como o turismo”, subliñou o Secretario Provincial.
Carmen Veiga puxo en valor os investimentos e iniciativas levadas a cabo polos socialistas no Concello de Barreiros e instou á Xunta de Galicia a facer o mesmo e “comprometerse cos barreirenses”. A voceira municipal censurou que “levamos moitos anos esperando pola nova EDAR, tan necesaria para acabar cos continuos problemas de vertidos á praia de San Miguel de Reinante. O PP non cumpre coa súa responsabilidade, no goberno galego, de conservar os espazos naturais de Barreiros, un dos nosos reclamos turísticos máis importantes”.
Remodelación das beirarrúas de San Miguel de Reinante
Durante a reunión coa agrupación de Barreiros, Santos e Veiga, aproveitaron para comprobar o resultado dalgún dos proxectos financiados integramente polo Goberno socialista na Deputación, como por exemplo no centro de San Miguel de Reinante.
Os traballos, aos que os socialistas destinaron 51.000 euros, consistiron na renovación das beirarrúas, por ambos lados da LU-P-0608, debido ao deterioro das mesmas. Santos Ramos destacou que con estas melloras “aumentamos a seguridade dos viandantes desta estrada provincial, ao tempo que damos resposta a unha necesidade moi demandada polos veciños de San Miguel de Reinante, un dos centros neurálxicos de Barreiros”.