Lugo, 26 de marzo, 2019. O Grupo Provincial do PP lamenta “a falta de compromiso do Goberno do PSOE na Deputación cos sectores agrícola e forestal” e considera que, trala rectificación sobre a ampliación a 40 toneladas do peso límite para a Rede Viaria Provincial, “quedou patente no pleno provincial a falta dun proxecto de provincia”.
Así mesmo, a voceira do Grupo Popular na Deputación, Elena Candia, explicou que “o Goberno do PSOE creou un problema e xerou incerteza ao sector gandeiro e forestal ao colocar sinais de limitación de tonelaxe, a uns días das eleccións, para despois querer vender unha solución ao quitalos”. A este respecto, o Grupo Provincial Popular preguntará polo custo sobre a colocación deses sinais que logo retiran.
Candia asegura unha vez máis que “o Goberno do PSOE na Deputación só acerta cando se emenda ou corrixe”. Nesta ocasión, “os socialistas tiveron que corrixirse tralas queixas de veciños e veciñas trasladadas polos voceiros do PP en Láncara e na Pastoriza ao entender que a limitación a 20 toneladas de peso para os vehículos que circulan por ela tería consecuencias negativas para as explotacións agrogandeiras e o sector forestal”.
Neste senso, os populares lamentan que “este sexa o seu plan de provincia, o do castigo e multa a gandeiros, madeiristas, etc. que empregan no desenvolvemento da súa actividade vehículos pesados que circulan polas estradas de titularidade provincial”. Nesa liña, advertiron da evolución da maquinaria nas últimas décadas que nos leva a ver “máquinas do século XXI circulando por estradas do século XIX”.
Dende o Grupo Provincial Popular consideran, así mesmo, que “o feito de que o Goberno provincial do PSOE leve a Pleno pola vía de urxencia a ampliación do límite de tonelaxe denota unha falta de planificación”. E acusan aos socialistas de “facer este apaño de última hora para evitar sancións. Incluso se podería considerar unha medida electoralista”, engaden. Con todo, o Grupo Provincial Popular da a benvida a esta rectificación porque “a pesar de levar 12 anos sendo urxente, máis vale tarde ca nunca”.
Máis fondos para a conservación da rede viaria provincial
O Grupo Provincial do PP na Deputación conseguiu tamén no Pleno deste martes o apoio unánime para incrementar os fondos para a conservación do conxunto da rede viaria provincial, que hoxe en día require de actuacións necesarias e urxentes en moitas vías e treitos.
Os populares lembraron que no 2017 se puxo en marcha o Plan Extraordinario de Rehabilitación de Firmes de Vías Provinciais 2017-2019. Un plan que, segundo recordaron os populares, se acadou grazas ao consenso entre os diferentes Grupos Políticos e que partiu da iniciativa do Partido Popular. “Froito diso leváronse a cabo actuacións para reconverter a situación das estradas con 15 millóns de euros anuais que veñen a clarificar o abandono das estradas provincias nos oito anos de Goberno bipartito que propiciou unha situación caótica que se vía vir”.
Pero, dende o Grupo Popular na Deputación consideran que “este instrumento de planificación, pese a supoñer un avance no eido das actuacións nas infraestruturas viarias, é insuficiente para repoñer o estado da extensa rede viaria provincial que supera os 4.000 km” e que, polo tanto, “precisa un esforzo inversor mantido no tempo que atenda á importancia socioeconómica desta rede”.
Desde o Grupo Provincial Popular no presente mandato “temos presentado cinco mocións relativas ás estradas de titularidade provincial, que se suman ás numerosas iniciativas en pasados mandatos”. Recentemente, no pasado ano 2018, presentamos outra moción nese sentido, recordando a necesidade de poñer máis fondos para o mantemento de rede de estradas, pero quedámonos sos: tanto PSOE coma BNG consideraron que non era preciso ese incremento e esa moción non saíu adiante”. Con todo, “nós persistimos, tamén agora a final de lexislatura, porque cremos que igual que no 2015 as estradas precisan eses fondos”.
Estradas do Corgo e Ribadeo, exemplos de falta de mantemento da rede
Nesta ocasión, os populares puxeron como exemplo os casos da estrada LU-P-1611, que atravesa a Ponte Maceda no Concello do Corgo, pechada ao tráfico por un afundimento da calzada na ponte por falta de mantemento; ou da estrada LU-P-5207, Ribadeo-Vilela (LU-133), que se atopa en mal estado e supón problemas de seguridade para os seus usuarios.