Lugo, 27 de marzo, 2019.- A voceira do Grupo Provincial do PP, Elena Candia, saíu hoxe ao paso das acusacións vertidas polo PSOE asegurando que “ante a incapacidade que levan demostrado os socialistas ata a data e que seguen demostrando non queren abrir as residencias e teñen que botarlle a culpa a alguén. Seguro que hai responsables, pero non o Grupo que represento”.
Así, explicou que “o despropósito das residencias ten moitos responsables, pero non o partido que nos últimos doce anos gobernou esta institución durante catro meses e tampouco o partido que ofreceu en multitude de ocasións, tamén no tema das residencias visto a sen razón na que se estaba convertendo, solucións de consenso e invitar á xente ao diálogo para abrir as residencias, que tampouco quixeron”.
“Nós non torpedeamos nin paralizamos absolutamente nada e o que si é unha realidade é que as residencias desde marzo do ano 2018 podían estar abertas con todos os permisos, as obras rematadas, amobladas, con usuarios interesados en apuntarse e o persoal seleccionado e por razóns que descoñezo decidiron non abrilas. A partir de aí son doce anos de traballo, máis de 15 millóns de euros investidos e ata agora nin unha soa praza de residencia creada. Ese é o balance”, resumiu.
Candia referiuse á necesidade de explicar a postura do seu Grupo “tras os ataques recibidos” de cara a aclarar “certas cuestións que non podemos consentir que se digan”.
Vitimismo do alcalde de Ribadeo
“Gustaríame saber por qué o alcalde de Ribadeo estaba onte na foto porque non ten nada que ver con este proceso, nin nunca tivo nada que ver a súa residencia con Suplusa nin está afectado por este asunto. Se nalgún momento aparece o seu nome é porque o acordo foi tramitado na Xunta de Goberno como residencia de Trabada e Ribadeo, pero na propia demanda que interpón Suplusa aclárase que non lle afecta nada disto. Entón unha vez máis, que xa nos ten acostumados, súmase a ese vitimismo e botarlle a culpa a todos. Non sei qué facía na foto, terao que explicar el”.
O proceso paralízao o PSOE
A voceira do PP explicou que en relación ás residencias que tiñan a encomenda de xestión con Suplusa para a súa construción e xestión este proceso paralízase por parte do PSOE “no momento en que unha vez que temos todos os permisos e unha vez que o persoal está contratado deciden na Xunta de Goberno interromper toda esa apertura e desfacer todo o feito ata a data desde o ano 2010. E ademais dicir que foron eles os que optan por xudicializar e interpoñer demandas pedindo a disolución de Suplusa”.
“Detrás de todo isto nin hai un problema xurídico, que evidentemente pode parecelo, senón un problema político entre o PSOE que de maneira recorrente utiliza ou a Deputación primeiro ou a Deputación e Suplusa para darse bofetadas entre os compañeiros”, apuntou.
“Nós como representantes públicos nunha sociedade anónima que xestiona diñeiro público vémonos na obriga de defender o que defendemos sempre. Un proxecto que non era noso , un proxecto que se levou a cabo como o PSOE considerou con prazos e mecanismos xurídicos e que nós temos que seguir defendendo porque incluso se nos pretende demandar, como así se fixo, e pedirnos responsabilidades por non administrar correctamente Suplusa”.
Candia defendeu os contratos que ten en vigor Suplusa e indicou que existen xa autos nesta xudicialización eterna en que están inmersos Deputación e Suplusa que din que este tipo de decisións son competencia do Pleno. “O que pretenden é rebentar un acordo que segue vixente”, precisou.
Teñen que explicar por qué non teñen as residencias abertas
A voceira do PP quixo deixar claro que “o PP non paraliza ningunha apertura de ningunha residencia, en primeiro lugar non ten competencias e o único que podería facelo sería un xulgado. Terían que aproveitar esas roldas de prensa que dan para explicar por qué tendo todos os permisos e o persoal seleccionado non teñen as residencias abertas porque iso é o quid da cuestión. Teñen un entramado montado de difícil desmonte pero non por culpa do PP, senón porque entre eles non se entenden e iso terán que aclaralo”.
“A partir de aí nós seguiremos traballando por defender o que fixemos sempre. O dereito dos traballadores que fixeron un novo proceso selectivo en marcha para seleccionar ao persoal para as residencias cando hai outro proceso dunhas persoas que aprobaron cunhas listas públicas no taboleiro público das que nada se sabe e teñen unha comunicación na que lles din que cando teñan todos os permisos poderán empezar a traballar nesas residencias, o que conlevaría que esas empresas que resultaron adxudicatarias poder xerarlle conflito de intereses con ese persoal seleccionado. Este grupo sempre se puxo ao lado desas persoas que pasaron un proceso selectivo e que nunca tiveron unha explicación nin unha mínima aclaración do que ía pasar co seu futuro laboral”, lamentou.
Vulneración dos acordos plenarios e do regulamento
Desde o PP consideran que os acordos tomados polos socialistas en relación coas residencias de Trabada, A Fonsagrada, Pol e Guitiriz vulneran o regulamento orgánico e vulneran frontalmente o contido dos acordos plenarios que atribúen a xestión dos centros de atención a persoas maiores a Suplusa, posto que está vixente unha encomenda de xestión a Suplusa de data 26 de outubro de 2010 na que, precisamente, se encarga á mesma, entre outras, a xestión de ditas residencias.
Non cabe ningunha dúbida sobre a vixencia da mesma, xa que o acordo adoptado en data de 9 de marzo de 2018 pola Xunta de Goberno Provincial – “declarar a perda da condición de medio propio de Suplusa respecto da Deputación de Lugo, para a prestación de servizos sociais”, foi adoptado por órgano incompetente xa a Xunta de Goberno que carece de competencia para elo.
Pero por si aínda houbese algunha dúbida sobre a vixencia da encomenda, o certo é que o Pleno da Deputación Provincial en data 10 de abril de 2018 acordou ratificar a eficacia da encomenda de xestión outorgada a Suplusa na sesión plenaria de 26/10/2010 para a construción e xestión de centros de día e residencias da terceira idade.