As fincas obxecto da intervención atópanse dentro do solo urbano do Concello de Mondoñedo e ocupan unha superficie total de 3.976,33 metros cadrados. Son fincas que están en desuso, xa que perderon a actividade agrícola hai tempo. Con este proxecto o Goberno local pretende eliminar o aparcamento de vehículos nas rúas do conxunto histórico, máis despois de limitar o estacionamento nas rúas do centro e na Praza da Catedral.
O proxecto, promovido polo Concello de Mondoñedo, permitirá incrementar en 100 as prazas de estacionamento na cidade.
Detalles do proxecto
Proponse un patio axardinado no que permitir o aparcamento de vehículos, baixo os emparrados dunha pérgola natural axardinada con especies arbóreas, que é o único elemento construtivo planeado. Este elemento ocultará os coches desde o punto de vista visual desde o atrio da igrexa nova. Conservarase a vexetación ornamental e o arborado existente.
As obras afectarán a tres parcelas e levaranse a cabo de maneira que tanto as vías de circulación como as prazas de estacionamento teñan o menor impacto visual posible. A circulación será nunha única dirección, realizándose con firme de zahorra estabilizada, baixo a que se disporá dunha capa de macadam. As prazas proxéctanse con lousa de céspede sobre firme de zahorra e asentada sobre capa de area de mina.
A intervención complétase co axardinamento e plantación de todos os espazos libres con especies de árbores caducifolias autóctonas, propios do bosque atlántico, serval de cazadores, castaño, cerdeira brava, carballo e a instalación de elementos de alumeado público. Inclúese tamén a necesaria sinalización vertical de información, desde os accesos á cidade ata o aparcamento, así como de regulación de circulación no interior do mesmo. A urbanización complétanse coas necesarias obras de recollida de pluviais e alumeado público.
O tempo preciso para realizar as obras é de cinco meses. Previamente o Concello levou a cabo traballos de limpeza e acondicionamento das parcelas.