Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Popular celebra o apoio unánime da oposición no Parlamento ás alegacións da Xunta ao estatuto electrointensivo

Santiago, 27 de marzo de 2019.- O viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, celebrou hoxe o apoio unánime acadado no Parlamento Galego polas alegacións presentadas pola Xunta, consensuadas coa industria, ao borrador do estatuto electrointensivo do Goberno Central, logo de que toda a oposición votara a favor da proposición non de lei do PPdeG que recollía integramente estas medidas.

Deste xeito, Miguel Tellado indicou que “agora agardamos que o Goberno de Pedro Sánchez rectifique o seu documento, agora que llelo piden de xeito unánime non só a Xunta e a industria electrointensiva, senón tamén todos os grupos do Parlamento galego”.

Ademais, o viceportavoz demandou que, logo do seu voto favorable ás alegacións presentadas pola Xunta, “os socialistas galegos comecen a defender os intereses da Comunidade galega, e non só os de Pedro Sánchez e o seu desprezo por Galicia”.

A proposición non de Lei aprobada hoxe no Pleno require ao Goberno do Estado, en concreto, unha categorización das empresas electrointensivas, así como o establecemento das diferentes compensacións que deben recibir estas industrias polo pagamento de renovables, dos descontos por peaxe, ou derivadas das propias poxas de CO2. Ademais, solicita que estas medidas sexan retroactivas desde o 1 de xaneiro, co obxectivo de que as empresas poidan ter unha certeza sobre os custos enerxéticos que terán que asumir durante 2019.

Ademais, ínstase ao Goberno central a que manteña o contacto cos traballadores das empresas e cos seus representantes sindicais para acordar a continuidade da actividade industrial e para a defensa dos postos de traballo.

Exit mobile version