Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo realiza estes días traballos de pintado de rúas nas principais vías de acceso á vila

Ribadeo, 26 de marzo de 2019. O Concello realiza estes días tarefas de pintado de rúas como Amador Fernández e as Avenidas de América, Rosalía de Castro e Rafael Fernández Cardoso. O alcalde ribadense, Fernando Suárez, sinala que estes traballos poderían provocar pequenas retencións e algunha molestia, polo que pide desculpas. O rexedor agarda que estas obras estean rematadas antes da vindeira Semana Santa.
O rexedor lembrou que “hai xa uns meses pintamos todos os pasos de peóns da vila e hai moi poucas semanas, por mor das obras de acceso a Ribadeo, pintamos e sinalizamos toda a avenida da Ría de Ribadeo”.
Fernando Suárez explicou que “agora queremos seguir reforzando a seguridade daquelas outras que poden ser arterias principais, estes accesos a Ribadeo tanto de entrada como de saída, como poden ser Armador Fernández, Avenida de América, Avenida Rafael Fernández Cardoso ou Avenida Rosalía de Castro”.
O alcalde dixo que “queremos que se vaian repintando todos estes espazos públicos porque é certo que hai anos que esa pintura está vella, en moitos casos non se ve, e pode xerar algún tipo de perigo para identificar cal é a liña continua , a liña descontinua, etc… “.
Suárez Barcia engadiu que “seguramente provoquemos, nestes próximos días, algunha retención puntual de tráfico e algunha molestia, pero queremos que todo estea listo e preparado antes da Semana Santa dado que se espera unha grande afluencia de visitantes e era conveniente ter todo isto en perfecta orde e en perfecto estado de revista”.

Exit mobile version