Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Mondoñedo organiza durante este mes varias actividades para conmemorar o Día Internacional da Muller

Mondoñedo, 6 de marzo de 2019.- O Concello de Mondoñedo, a través do Centro de Información ás Mulleres, organiza durante o mes de marzo unha serie de actividades coas que se conmemora o Día Internacional da Muller. O acto central celebrarase o propio venres, 8 de marzo, coa presentación do cuarto panel da exposición permanente ‘A historia de Mondoñedo leva nome de muller’ e coa lectura dunha declaración institucional

Dende o Concello de Mondoñedo lembran que a exposición ‘A historia de Mondoñedo leva nome de muller’ está dedicada a todas aquelas mulleres representantes do pasado, presente e futuro de Mondoñedo que dunha forma ou outra resultaron ser pioneiras na historia local. Iniciada no ano 2017, cada ano únese un novo panel que, xunto cos anteriores, estarán expostos durante o mes de marzo na entrada da Casa do Concello e o resto do ano nas instalacións do Centro de Información ás Mulleres.

Este acto de presentación do cuarto panel da exposición terá lugar na Casa do Concello ás 12 horas. Este ano dedícase a Remedios Muruais Carballosa (mestra), Remedios Espantoso Rubiños (deseñadora), Sara González García (enxeñeira química) e Carmen Pavón Souto (estudiante).

Actividades nos centros educativos
O día 15 de marzo tamén terá lugar a entrega de premios do concurso de debuxo ‘Debuxando en Igualdade 2019’. Como cada ano, o CIM de Mondoñedo, convocou entre o alumnado dos centros educativos de Mondoñedo, Abadín, Lourenzá, A Pastoriza e Riotorto, (concellos cos que existe convenio de colaboración de prestación de servizos en materia de igualdade), un concurso de debuxo no que o alumnado pode presentar unha obra artística na cal reflexen a igualdade entre mulleres e homes. Este ano, como novidade, os premios serán entregados no Concello de Abadín.

De igual xeito, ao longo do mes de marzo terá lugar nos centros educativos dos concellos de Mondoñedo, Abadín, Lourenzá, A Pastoriza e Riotorto unha serie de charlas-coloquio durante as que se falará da evolución dos dereitos da muller e nas que as protagonistas serán mulleres que pola súa idade e vivencias son testemuñas vivas dos cambios producidos nos últimos cincuenta ou sesenta anos.

Exit mobile version