Mondoñedo, 5 de marzo de 2019.- O Concello de Mondoñedo impulsa a 30 Concentración Mototurística N-634 A Invernal de Galicia, que se desenvolverá na localidade mariñá os días 16 e 17 de marzo. A alcaldesa, Elena Candia, destaca o labor da comisión organizadora, que preside Miguel Arias, para poñer en marcha esta actividade que “xa é un referente na Mariña, pois son moitos os afeccionados que chegan de distintos puntos de Galicia e incluso de España”.
A concentración iniciarase o día 16, ás 12.00 horas, coa inscrición dos participantes, os cales poderán degustar un ágape de benvida. Ás 16.00 horas, iniciarase a programación de xogos e de sorteos para, ás 17:00 horas, continuar coa exhibición acrobática de motos na Avenida de Bos Aires. Ás 20:00 horas, os moteiros farán unha ruta turística polo pobo e, ás 21:15 horas, degustarán unha cea, seguida da verbena amenizada pola orquestra Pontevedra.
O día 17, logo do almorzo, os participantes desfrutarán dunha ruta turística pola Mariña, que concluirá cunha comida no pavillón municipal. Durante a sobremesa haberá tamén xogos, sorteos e outras actividades coas que a organización pretende agasallar aos asistentes.
Miguel Arias agradece a colaboración e apoio da entidade local, pois “grazas a ela, podemos celebrar esta macro concentración, da que xa podemos dicir, que é unha iniciativa consolidada en Mondoñedo, na zona e en Galicia”.