As obras consistiron no acondicionamento da subida á Alameda, un dos accesos principais á mesma, cuxo espazo presentaba un pavimento en mal estado de conservación. A rúa de acceso non dispuña de ningún tipo de servizo, polo que se fixeron ademais obras de saneamento e abastecemento.
A rexedora precisa que as obras de mellora e acondicionamento no resto da Alameda seguen o seu curso, aínda que se viron afectadas polo trastorno que ocasionan os edificios que alí se atopan, como o Centro de Saúde, o hospital San Pablo, a residencia da terceira idade e centro de día e incluso un establecemento de turismo, a Casa Bracamonte. As obras están financiadas polo plan HURBE da Xunta e contan cun orzamento de 110.289,13 euros.
Desde o Goberno local piden a colaboración de veciños e visitantes para coidar a alameda e que non se estacione nas beirarrúas para non deterioralas.
O Goberno local pretende con esta actuación na alameda recuperar a pavimentación de parte dos accesos, recuperar os muros perimetrais existentes, realizar traballos de mantemento de arborado, con reposición de árbores de gran porte, melloras de eficiencia enerxética do alumeado e reposición de parte do mobiliario.