O xefe do departamento de Electricidade do CIFP Porta da Auga, Benito Fernández Rey, explica que “é un proxecto que presentamos neste instituto e no que colaboramos con outros dous centros, o Xoán Montes, de Lugo, o IES As Mariñas, de Betanzos, e nós somos os coordinadores. A idea xurdiu deste instituto e trátase de automatizar un campanario para poder mandar as campás a través do móbil. A idea primeira foi a través de SMS e tomamos como referencia o campanario da Devesa porque eu lle fixera, bastantes anos atrás, un automatismo pero sen móbil, no propio campanario. Baseándome nese campanario real quería que se fixeran os toques típicos de defuntos, que na Devesa e en todas as demais parroquias por aquí distínguense os toques cando o defunto é un home ou unha muller, e queríamos que se tocaran a distancia, xa que case non hai quen se dedique a isto, que unha persoa desde a súa casa puidera tocar a campá. Despois ten outros toques dunha igrexa para acontecementos, vodas, procesións e o de entrar á misa, que se facían in situ, mentres que co móbil se manda o toque de defuntos”.
Benito Fernández engadiu que “o primeiro que se fixo foi construír unha maqueta pequena simulando o campanario da Devesa coas dúas campás, que construímos no CIFP Porta da Auga entre un profesor de automoción e eu mesmo, que son profesor de electricidade. O cadro montárono en Lugo e o centro de Betanzos tivo como misión gobernar o automatismo da maqueta a través de internet. Ademais de mandar o campanario con SMS desde o teléfono móbil, fíxose unha app para o móbil onde están os toques de defuntos, de procesión e de entrada á misa, todo en tempo real. Iso se presentouse á Consellería, que decidiu darnos o premio en maio de 2018; e desde xaneiro de 2019 o dispositivo xa está en pleno funcionamento e temos o obxectivo de instalalo no campanario da igrexa de A Devesa”.