Ao remate destes actos o rexedor explicou que “seguimos traballando de maneira cooperativa, coordinada, honesta e da maneira que espera a cidadanía que traballen os políticos de diferentes administracións polo ben común e para os paisanos e as paisanas”.
Suárez Barcia dixo que “hoxe tivemos este primeiro acto de constitución destas comisións que están establecidas nas ordenanzas que nós fomos dotando hai uns meses, que foron aos plenos dos Concellos e concretamente ao noso, e que tamén foron aprobadas por unanimidade, non houbo alegacións e están definitivas. Esas ordenanzas establecen que hai que facer convocatorias de seguimento mixtas, xerais e agora estamos creando todo este entramado técnico que é necesario”.
O rexedor engadiu que “despois todos os interesados que queiran pedir información para vir aquí, para pasar os últimos días das súas vidas, que agardamos sexan moitos, con comodidade e todos os servizos nesta marabilla de centro de atención a persoas maiores, que o poidan xa facer, que vaian pedir información aos servizos sociais municipais onde os atenderemos encantados e seguiremos traballando estreitamente coa Deputación, agora e no futuro”.
Xunto ao alcalde de Ribadeo e ao presidente da Deputación estiveron neste acto técnicos de ambas institucións.