Site icon Crónica3.com A Mariña

O Alcalde de Foz asegura que preto de 20.000 persoas encheron as rúas no desfile do entroido e considera moi pouco oportuna a petición por parte dos socialistas das contas desta festa

Foz, 6 de marzo de 2019. O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, critica a actitude do PSOE que vén de pedir as contas do Entroido 2019. O rexedor subliña que se trata dunha falta de respecto cara ás persoas implicadas no Carnaval focense e considera totalmente inoportuna esa petición. Castiñeira asegura que preto de 20.000 persoas encheron as rúas de Foz para ver o desfile do pasado sábado e destaca a implicación dos veciños e veciñas e do tecido comercial da localidade.
“Desde o equipo de goberno do Concello de Foz parécenos moi pouco decoroso por parte do Partido Socialista pedir as contas do Entroido. Eu creo que é ata unha falta de respecto, non á organización nin ao Concello, senón tamén a todas as peñas e a todos os participantes. Mostra moi pouco espírito carnavaleiro e o único que están é a politizar todo o que sexa de ámbito municipal, o que me parece é totalmente inoportuno. As contas que lle damos van ser as contas reais de gastos, pero ademais eu voulle facer outras contas ao Partido Socialista. Durante este fin de semana houbo no pobo preto de 20.000 persoas, que estiveron nalgún momento no desfile de Foz e na vila o sábado. Houbo máis de 2.000 participantes, cunha dinamización do comercio incrible. O Carnaval está nun momento no que nunca estivo. Hai que pensar que hai quince días tivemos unha cea de coroación coa participación de máis de 1.000 persoas. E houbo unha gran implicación do comercio, patrocinando moitos dos premios”, manifestou Javier Castiñeira.
Por todo isto o alcalde dille ao Partido Socialista que “deixe un pouco de lado as cousas políticas, que goce un pouco máis das cousas do pobo e as cousas que saian ben que as recoñeza, posto que non llo está recoñecendo única e exclusivamente ao alcalde e ao equipo de goberno senón a todas aquelas persoas que participan na organización, persoal municipal e tamén a todas as persoas que participan en si no Entroido. Polo tanto pedimos un pouco máis de respecto e de formas, sobre todo á hora de pedir números, posto que estamos nas circunstancias de vivir os mellores momentos do Entroido de Foz e creo que o Partido Socialista se equivoca fiscalizando esta gran festa”.
Castiñeira rematou dando “moitas grazas a todos os que colaboraron e estamos encantados de seguir loitando porque o Entroido de Foz sexa un referente, non só na Mariña senón tamén en toda Galicia”.

 

Exit mobile version