Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde, Alfredo Llano, xunto ao concelleiro de Obras, Ramiro Fernández Rey, e o xefe provincial de Costas, supervisaron esta mañá as obras que este departamento está a realizar na praia do Cabaliño

Burela, 27 de marzo de 2019. O alcalde, Alfredo Llano, xunto ao concelleiro de Obras, Ramiro Fernández Rey, e o xefe provincial de Costas, supervisaron esta mañá as obras que este departamento está a realizar na praia do Cabaliño. Ademais analizaron outras actuacións a acometer na praia da Marosa e no seu espigón.
O rexedor declarou que “hoxe pola mañá tivemos a visita do responsable de Costas na provincia de Lugo. Estivemos vendo unha serie de obras que xa estaban comprometidas. Unha desas obras é unha escaleira que se vai colocar para o acceso á praia do Cabaliño. Pensamos que vai quedar perfectamente integrada naquela paisaxe con materiais de madeira e pedra. Vai ser unha actuación útil e era moi reclamada polos usuarios e usuarias dese areal”.
O alcalde engadiu que “tamén estivemos mirando unha mellora na praia da Marosa, no paseo marítimo, porque hai unha greta. Procuraremos tamén adecentar esa zona para que quede como un miradoiro. Máis adiante faremos unha obra no espigón da praia da Marosa porque todos os anos, debido ao empuxe do mar, vaise deteriorando e vaise facer en pouco tempo. Imos apalabralo para que as praias de Burela queden listas para a época estival e que a xente de fora e do pobo poida disfrutar delas”.
Semana Santa 2019
O auditorio da Casa da Cultura acollerá esta tarde, a partires das 20:00 horas, a presentación da Semana Santa de Burela. O alcalde, Alfredo LLano, anima a acudir a este acto no que participará o bispo de Mondoñedo-Ferrol.
O rexedor explicou que “ás oito da tarde imos facer a presentación da Semana Santa de Burela, e desde a alcaldía quero motivar á xente do pobo para que asista posto que é unha cousa moi boa para o noso concello”.
Alfredo Llano dixo que “debe ser compartida entre todos nós e valorar a Semana Santa que se fai no noso concello durante bastantes días con varias procesións e actos de moito interese. Na presentación de hoxe contaremos coa presenza do bispo de Mondoñedo-Ferrol, tamén estará a presidenta da Semana Santa, e vaise dar a coñecer o cartel da Semana Santa”.
O rexedor quere “no nome de todos os que organizan a Semana Santa, hai moita xente que está traballando a reo para facer unha Semana moi digna e atractiva, invito a todo quen queira ir, a partir das oito da tarde, ao auditorio da Casa da Cultura”.

Exit mobile version