Segundo sinalou o portavoz do colectivo Xosé Luís Fernández Rivera “as razóns que levaron a unha asociación como a nosa, cuxo razón de ser é a recuperación da memoria histórica, a presentar un volume como este é o seu compromiso coa restauración e a epopea da loita guerrilleira n´A Mariña. Os protagonistas da obra de Gago son os grandes heroes da resistencia armada ao franquismo como Luís Trigo “O Gardarríos” ou Xosé Temblás e os escenarios da súa obra os montes da Serra do Xistral ou as estivadas do Cadramón”.
O exercito do fume, en palabras de Rivera, “é a memoria que quedou, unha memoria que hoxe en día en parte é realidade e en parte é lenda. Por iso é unha novela de historia, lenda e ficción. Porque son tres cousas diferentes. A historia son os feitos que aconteceron, a ficción é a imaxinación, pero a lenda é unha cousa diferente. Porque a lenda é un relato social, é unha construción do imaxinario social, que está baseada moitas veces en algo real pero é imaxinación. A miña idea é plantexar ao lector unha reflexión sobre como moitas veces o que cremos do noso pasado está composto por imaxinación e esa imaxinación está moitas veces cruzada coa realidade. É dicir: o que propoño é cuestionarmos en que medida sabemos do noso pasado real. Unha novela sempre é ficción. Pero dentro desa ficción, nesta novela, ás veces as cousas aparentemente máis fantásticas son totalmente verídicas e hai cousas que parecen verídicas e son totalmente fantásticas”.
Manuel Gago, que será presentado por Xoán Ramón Fernandez Pacios, é doutor en Ciencias da Información pola Universidade de Santiago de Compostela. En 2011 presentou a súa tese de doutoramento Deseño editorial e arquitectura da información nos cibermedios internacionais de referencia, cualificada cun sobresaínte cum laude.Dá clase na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela. É membro do Grupo de investigación en Novos Medios da USC. Mantén o que se considera o blog en activo máis vello do blogomillo, Capítulo 0.Como divulgador cultural dirixe o portal do Consello da Cultura Galega culturagalega.org. Foi comisario da exposición Ao pé do lar (Museo do Pobo Galego, 2010), promovida para o Fórum Gastronómico en Santiago. Dentro do eido arqueolóxico, participou no equipo de investigación nas escavacións do castro da Lanzada, e promoveu a escavación do complexo de Pena Furada. En 2011 creou o lugar web patrimoniogalego.net, e en 2012 promoveu outra escavación arqueolóxica, a da Torre dos Mouros en Lira.