Máis espazo no Hospital pero carencias nos servizos
O PSOE lamenta que os únicos investimentos achegados polo PP na Xunta de Galicia para a mellora da sanidade foran para as obras de ampliación do Hospital e non para dotar ao centro de máis servizos sanitarios.
Os socialistas censuraron que durante os 10 anos do PP no goberno galego o Hospital Comarcal da Mariña foi perdendo prestacións gradualmente. Os veciños denuncian que para uns 72.000 habitantes, non hai servizo propio de Oncoloxía e o único Hospital de Galicia que non ten enfermeira especializada, só hai 3 celadores pola noite para atender Urxencias, UCI, partos e quirófanos, hai retrasos de máis de 1 ano para realizar probas de esforzo. Os mariñáns teñen que desprazarse ao HULA para colocar un marcapasos ou un simple recambio de pilas, para facer unha placa dental ou para operacións de fimose, cataratas. As resonancias se fan 1 vez ao mes nun camión diante do Hospital porque non hai aparellos para facelas. Tampouco hai aparatos para realizar electromiogramas, densiometrías óseas. Só teñen 1 reumatólogo que da cita con espera de 1 ano.
Problemas na atención primaria: non cobren baixas, sen pediatras…
O PSOE leva denunciado nestes últimos meses ducias de carencias na atención primaria dos centos de saúde e dos PAC da Mariña. Por exemplo, o PP no goberno galego suprimiu médicos na Pontenova, en Viveiro, en Barreiros. Hai problemas co servizo de pediatría en Foz, Viveiro, Ribadeo, Ourol, O Vicedo, Trabada, O Valadouro, Alfoz…Recolléronse máis de 600 firmas para restablecer o especialista de Lourenzá, Barreiros e Mondoñedo. Non hai un só logopeda en toda a comarca porque a Xunta de Galicia eliminou o financiamento para o servizo de atención temperá. Os médicos teñen demasiados pacientes adscritos chegando a atender a máis de 50 persoas ao día, dependendo do Concello. Ademais, moitos ambulatorios quedan sen profesionais cando hai unha emerxencia a domicilio.
Supresión da área sanitaria
Os socialistas defenden a necesidade de que existan as áreas sanitarias e que a Mariña teña a súa propia área debido a súa singularidade social, económica e demográfica. A Xunta de Galicia do PP decidiu suprimir a da Mariña desoíndo as reivindicacións dos veciños.