Site icon Crónica3.com A Mariña

En Marea presenta a súa candidatura “para que Lugo non perda o tren”

Lugo, 29 de marzo de 2019.- En Marea presentou este venres en Lugo a súa candidatura para as eleccións xerais do 28 de abril. Unha candidatura integrada por persoas comprometidas cos problemas da cidadanía, que se pon como meta traballar para conseguir impulsar unha província máis cohesionada e defender os postos de traballo. “Queremos un país con dereitos sociais e máis democracia, e para iso é preciso derrogar as reformas laborais que limitaron os dereitos da clase traballadora e que empeoraron as súas condicións de traballo”, destaca o voceiro da formación. Que pon o foco na necesidade de impulsar as conexións ferroviarias, desatascar a xustiza coa habilitación cun cuarto colgado do social e dunha sala específica para violencia machista e defender a viabilidade de Alcoa.

“Non queremos que Lugo perda o tren, que unha vez máis perda a oportunidade de ter unha representación digna no Congreso e no Senado. Por iso presentamos unhas candidaturas que van defender a provincia e o conxunto do país”. O voceiro de En Marea destacou en Lugo a vontade desta formación de traballar para favorecer a cohesión territorial de Galicia. “O FEVE, que podería estar vertebrando a provincia de Ribadeo ata Ferrol, está esmorecendo, e a xente xa non se pode mover coma antes”, denunciou Luís Villares, que apostou por impulsar frecuencias e conexións ferroviarias de cercanías para vertebrar a fachada marítima dende A Mariña ata Ferrolterra. “A vía está feita, polo que un pequeno investimento sería suficiente para dinamizar toda unha comarca xa de por si puxante”.

En materia de cohesión territorial En Marea aposta tamén por electrificar e poñer ao día a liña A Coruña-Lugo-Monforte-Ourense para que persoas e mercadorías poidan moverse con axilidade. “Queremos cohesionar a provincia cun tren que nos poña en 30 minutos na Coruña”, indica Villares.

Poucas horas despois de terse reunido cos traballadores de Alcoa San Cibrao para falar das alegacións de En Marea ao Estatuto Electrointensivo proxectado polo goberno central do PSOE, o voceiro da formación volveu destacar a necesidade de impulsar un novo marco para o mercado eléctrico que protexa a pequenos e grandes consumidores. “Necesitamos unha regulación do sector eléctrico que non sexa especulativo. As grandes empresas eléctricas están estafándonos día a día. Vimos de ver un incremento na factura de abril a cambio de nada, mentres que empresas como Alcoa se ven empobrecidas. Unha empresa que xera o 30% do PIB de toda a provincia de Lugo”, destaca Villares, que lembra a responsabilidade de PP e PSOE por ter permitido un marco nocivo para os grandes consumidores electrointensivos, e que non permite a estabilización do mercado eléctrico. “Se queremos un mercado eléctrico competitivo que permita que a industria galega siga xerando postos de traballo, a única forza política que vai ser capaz de vehiculizar esa demanda é o espazo político de En Marea”, asevera o voceiro, que lembra a total coherencia que esta forza ven mantendo ao respecto.

Luís Villares denunciou os ires e vires de PP e PSOE a este respecto. Pero tamén a oposición desas dúas forzas á creación do cuarto Xulgado do Social en Lugo. Unha carencia que ten provocado “un atasco xudicial que está a provocar retrasos inaceptables. Unha xustiza lenta non é xustiza, e o PP primero e o PSOE despois negaron ese cuarto xulgado para Lugo”.

O voceiro de En Marea tamén destacou a necesidade de impulsar un xulgado de violencia de xénero en Lugo. Unha medida á que o PP se ven opoñendo “porque mantén un pacto con Vox en Andalucía que lles obriga a desfacer toda a política en materia de igualdade dos últimos anos, e iso non o podemos permitir. Pensar que o machismo é cunha forma válida de estar no mundo, e nos cremos que non é así”.

Pola súa banda, a candidata ao Congreso, Cristina Pérez Herraiz, presentouse ilusionada por representar á provincia de Lugo no Congreso e marcouse como obxectivo recuperar a comunicación co resto do país. “Temos que conseguir ter boas comunicacións. Precisamos un tren para as persoas. Temos que conseguir que a veciñanza que vive en Sarria poida vir en tren a Lugo, que os estudantes poidan chegar facilmente a un campus universitario que está quedando baleiro”.

Frear a emigración, renda mínima, dereitos sociais e protección do emprego e do tecido industrial

A candidata destacou a necesidade de reverter a sangría demográfica, frear a emigración e recuperar dereitos derrogando as reformas laborais e as prestación perdidas. “Precisamos unha renda mínima para que todas as persoas teñan a vida digna á que teñan dereito, sexan de onde sexan. Queremos ser o país no que medremos todos e todas xuntas. Lugo non é unha casilla que marcar, é a nosa casa e así o imos defender no Congreso e no Senado”, indicou Pérez Herraiz, que apostou por favorecer a gobernabilidade de quen defenda “os dereitos sociais e os dereitos das galegas e galegos”.

O candidato ao Congreso e traballador de Alcoa, Javier Arca, tamén puxo en valor o cambio de modelo político polo que aposta En Marea; cunha candidatura integrada por xente diversa, profesionais e xente de a pé con vontade de trabalhar para levar ás institucións do estado os problemas do día a día. Como non podía ser doutro xeito, Arca lembrou a grave problemática da industria na que traballa e criticou aos representantes doutras formacións políticas que se achegan ás mobilizacións simplemente para sacar a foto. “Non podo entender que haxa quen negocie uns orzamentos que reducen as compensación que recibe Alcoa polo uso de electricidade nas actividades industriais de 150 a 30 millón de euros, despois saia dicindo que se trata duns orzamentos malos e que finalmente os aproben. Iso non o pode entender ninguén. Temos que ser conscientes de cal é a problemática e de como a podemos solucionar”. Javier Arca destacou a necesidade de defender a planta de Alcoa nunha provincia que adoece de tecido industrial e de alternativas laborais, e reivindicou o compromiso de En Marea de defender a capa e espada os postos de traballo da planta de San Cibrao.

A candidata ao Senado, Victoria Esteban, tamén falou dos problemas demográficos e da emigración forzada na provincia, que vinculou de xeito simbólico coa estación do tren na que se presentou a candidatura lucense. “Queremos que esta estación non sexa só de ida, senón tamén de volta”, destacou a cabeza de lista. Esteban loubou unha candidatura “formada por persoas coñecedoras das problemáticas da provincia e implicadas no día a día da cidadanía, que quere ser a voz da provincia nas institucións do Estado. Queremos un Senado con contido e con maioría de mulleres”, indicou a candidata, que tamén puxo en valor o espírito cidadanista e fondamente democrático dunha organización “que escolle ás súas candidatas por primarias”.

Exit mobile version