En Marea reuniuse este venres co comité de empresa de Alcoa San Cibrao para presentarlle as alegacións da formación ao Estatuto Electrointensivo que pretende aprobar o goberno. “Un estatuto claramente insuficiente”, en palabras de Luís Villares; que avogou por un marco que permita “estabilizar os prezos da enerxía, e facelo a costa de disminuír os beneficios das grandes empresas eléctricas. É posible facelo, a Unión Europea permíteo, pero é precisa vontade política”.
As alegacións de En Marea buscan tamén “que empresas como Alcoa realicen investimentos na industria e que garantan a súa viabilidade e os postos de traballo”. Un extremo que, tal e como asegura o voceiro da formación, será “imprescindible á hora de apoiar calquera goberno que saia das próximas eleccións do 28 de abril”.
Tanto Villares como o candidato ao Congreso por Lugo, e tamén trabalhador de Alcoa, Javier Arca, destacaron o papel fundamental da planta de San Cibrao. “Alcoa supón o 100% da esperanza industrial da Mariña de Lugo. Porque supón máis do 30% do PIB da provincia, e máis de 3.500 postos de traballo directos”. Unha cifra á que hai que sumar os milleiros de empregos e ingresos indirectos que orixina, ao tratarse dunha industria fundamental para a viabilidade económica dunha comarca falta de alternativas industriais. “Entendemos que toda as empresas dos arredores de San Cibrao, directa ou indirectamente viven desta fábrica. Por iso é imprescindible para Lugo que se solucione o Estatuto das electrointensivas e que este aporte estabilidade a longo prazo para todas as familias que viven desta industria”, indica Arca Uría.