Site icon Crónica3.com A Mariña

Elena Candia pon en valor e agradece o traballo de todos os que “escribiron unha parte da historia do Concello e traballaron para mellorar Mondoñedo”

Mondoñedo, 30 de marzo de 2019.- A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, puxo hoxe en valor e agradeceu o traballo de todos os que “escribiron unha parte da historia do Concello e traballaron para mellorar Mondoñedo”. Foi durante o acto organizado pola administración local para conmemorar o 40 aniversario dos concellos democráticos de España e en homenaxe a todas as persoas que formaron parte das dez corporacións municipais ao longo destas catro décadas.

A importancia das Corporacións locais na transformación da sociedade
Durante a súa intervención, Elena Candia explicou que este acto organizouse con dous obxectivos. Por un lado, “como persoa que naceu coa Constitución, consideraba necesario poñer un pouco de perspectiva da evolución dos entes locais e das competencias que foron gañando, así como da importancia que tiveron na transformación da nosa sociedade e na transformación dos servizos dos nosos veciños e veciñas. Con toda humildade consideraba necesario recordar a evolución dos nosos concellos e das nosas parroquias, e que a constitución das corporacións dentro do marco da Constitución, foi absolutamente positiva para a nosa sociedade”.
Manuel Castiñeira, xefe do Servizo de Asistencia Xurídica, Económica e Técnica aos Concellos da Deputación, foi o encargado de falar desta evolución da administración local e das deputacións ao longo de 40 anos.
Agradecemento
O segundo motivo co que naceu o acto, segundo asegurou Elena Candia, foi o de trasladar un “gran sentimento de gratitude a todas as persoas, ás presentes e ás ausentes, que participaron no noso Concello”. Neste senso, para a rexedora “hoxe é un día para anotar na nosa historia, ao ter a posibilidade de ter presentes ou representados a todos os alcaldes da democracia nun Concello de alternancia política. Motivo de orgullo e satisfacción para todos nós”.
“Moitas gracias por todo o traballo que fixeron por este Concello e por toda a dedicación dos edís que, hai que dicilo, moitos deles dunha maneira altruísta e gratuíta e poñendo sempre do seu tempo e nalgún caso incluso do seu patrimonio, desempeñaron, da mellor maneira posible, o que entendemos, un compromiso de vida cos nosos veciños”, dixo Candia.

Acto
O acto deu comezo ás doce da mañá coa recepción por parte da alcaldesa no Salón de Plenos aos edís das corporacións democráticas. Acto seguido, descubríronse os cadros coas fotografías dos alcaldes e alcaldesas da democracia en Mondoñedo: Elena Candia (na actualidade); Orlando González Cruz (2007-2015); Luís Rego Valcarce (1999-2007); Manuel Javier Loira Rúa (1995-1999); Emma Pilar Valcarce Pestaña (1987-1995); Ignacio Vilaseca Otero (setembro 1984-1987); Armando González Álvarez (1983-setembro 1984); e Ramón Fernández Gacio (alcalde entre 1979-1983)
Xa na Casa da Xuventude interveu Manuel Castiñeira que felicitou a todos os alcaldes por ser parte dunha historia de éxito na evolución da administración local ao longo destes 40 anos. Candia foi a encargada de clausurar o acto, tralo que se entregou a Catedral de Mondoñedo en cerámica de Sargadelos, a todos os alcaldes.

Exit mobile version