Site icon Crónica3.com A Mariña

Elena Candia obtén o compromiso da Xunta de crear 15 prazas de atención a menores en Mondoñedo

Mondoñedo, 4 de marzo de 2019 .- A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, mantivo unha reunión de traballo coa conselleira de Política Social da Xunta de Galicia, Fabiola García, da que obtivo o compromiso de crear 15 novas prazas de atención residencial para nenos, nenas e adolescentes que se encontran en situación de desprotección.
No encontro, Candia e García repasaron ademais as políticas sociais desenvolvidas en Mondoñedo pola Administración autonómica. Entre elas destaca a posta en marcha cunha Unidade de Atención Temperá, que presta servizos tanto a este concello como aos veciños de Abadín, A Pastoriza, Riotorto e Trabada. Nesta Unidade aténdese a 16 familias de nenas e nenos de 0 a 6 anos con problemas de desenvolvemento ou risco de padecelos
Por outra banda, no último ano a Administración autonómica aumentou nun 10% as horas de Servizo de Axuda no Fogar (SAF) postas a disposición do Concello, que superan xa as 21.000, froito das xestións da rexedora mindoniense co departamento de Política Social da Xunta.
Así, na vila de Mondoñedo estanse a empregar a día de hoxe a práctica totalidade das horas de SAF asignadas polo Goberno galego, como consecuencia do cal non hai lista de agarda e 56 persoas dependentes reciben coidados profesionais nos seus fogares.

Exit mobile version