Lugo, 06 de marzo de 2019.- A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de licitar a rehabilitación integral -enerxética e funcional- do CEIP Virxe do Carme de Burela por un importe de 956.043 euros e un prazo de execución de tres meses, tal como se publica a plataforma de Contratos de Galicia.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou en rolda de prensa as características desta obra que implica a renovación e modernización global das instalacións dos tres edificios que compoñen o complexo (edificio docente principal, edificio de ladrillo cara vista e edificio de aulario), que foron construídos nos anos 70.
En concreto, no edificio docente principal -que consta de dúas plantas e unha superficie construída de case 1.600 metros cadrados- substituirase a cuberta de fibrocemento en terraza e os falsos teitos en aulas, renovaranse os aseos de infantil e dos profesores, a tarima e os armarios das aulas e as portas de acceso á parcela do centro, e pintaranse os paramentos interiores do dito edificio. Ademais, mellorarase a eficiencia enerxética do edificio con illamento térmico na cara inferior do teito, illamento do forxado de baixocuberta con lá de roca, illamento de fachada polo exterior mediante sistema SATE, e substitución de luminarias existentes por equipos de alta eficiencia enerxética.
No caso do edificio de ladrillo cara vista e do edificio do aulario, a intervención abrangue o illamento das fachadas, o illamento térmico do forxado das baixo cubertas, e substituirase as ventás por carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e dobre vidro, e as luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética.
Así mesmo nestes dous edificios renovaranse as portas interiores deterioradas en aulas e aseos, substituiranse os falsos teitos por paneis acústicos de lá de roca nas aulas e pintaranse os paramentos interiores.
A maiores, no edificio de ladrillo cara vista renovarase o pavimento da biblioteca e substituiranse os falsos teitos nas zonas da biblioteca e repografía; mentres que no caso do Aulario se substituirán os falsos teitos e mellorarase o porche.
A previsión é que todas estas obras se acometan no verán, unha vez remate a actividade lectiva, co obxecto de provocar a menor interferencia posible coa función docente e, polo tanto, que as instalacións renovadas estean en perfecto estado de uso de caro ao vindeiro curso académico.