Viveiro, 6 de marzo de 2019. Para o equipo de goberno é unha profunda alegría que o Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia decidise conceder, neste 2019, un dos seus Premios 10 de Marzo a Melchor Roel, que ocupou o cargo de Alcalde de Viveiro dende 2003 ata o seu falecemento, en decembro de 2013.
Considero que este merecido premio é unha forma de agradecer e recoñecer o seu compromiso social e político, unha constante que guiou a súa traxectoria profesional e a súa gran labor tanto como sindicalista, vinculado a CCOO, como na súa faceta política, vinculado primeiramente ao Partido Comunista e posteriormente ao PSdG-PSOE.
Como Alcaldesa do Concello de Viveiro quero destacar, en primeiro lugar, a súa implicación con este municipio e os dez anos de traballo intenso para dotar a Viveiro dos servizos e infraestruturas que viña carecendo, iniciando un novo proxecto que hoxe, con orgullo e compromiso, pretendemos dar continuidade. A nivel persoal quero destacar a súa integridade e o seu sentido da xustiza; Melchor era un home tremendamente intelixente, sempre disposto a ensinar e a transmitir a súa paixón pola política; un home de gran carisma, que soubo gañarse o cariño e admiración de todos aqueles que tivemos o privilexio de traballar con el e que sempre formará parte da historia de Viveiro.
A Alcaldesa,
María Loureiro García