Lourenzá, 27-3-19. A raíz das inspeccións que están tendo lugar nas explotacións agrícolas por mor das novas normativas europeas sobre o programa de Seguridade Alimentaria, uso de fitosanitarios e condicións de hixiene nas explotacións de producción primaria que incorporan alimentos á cadea alimentaria, este vindeiro martes día 2 terá lugar no CFEA Pedro Murias de Vilaframil en Ribadeo, a partir das 10.00 horas, unha charla informativa impartida por técnicos de Sanidade Vexetal en Lugo, para informar a tódalas explotacións que se poidan ver afectadas sobre este tema.
Consideramos de vital importancia ser coñecedores deste programa para incorporar alimentos de producción primaria á cadea alimentaria e así evitar sorpresas desagradables ante unha inspección e os aspectos a ter en conta.
Na xornada trataranse temas de hixiene na producción de faba e outros cultivos, falarase do programa de Seguridade Alimentaria, de instruccións técnicas sobre o uso de fitosanitarios e condicións de hixiene na producción primaria, e tamén se abordarán temas sobre a comercialización, tanto da venda directa dos productos nas explotacións en xeral, como no caso concreto da comercialización da Faba acollida á IXP Faba de Lourenzá.