Lugo, 25 de marzo de 2019. A Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, deu conta, este luns, das últimas novidades do Plan Laboral Tecendo Emprego, pois ao longo desta semana, levaranse a cabo os procesos selectivos para os perfís profesionais que se inclúen nesta iniciativa de emprego. Son un total de 350 aspirantes que se dividen en 70 entrevistas por día, realizadas no Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD). Tras a finalización deste proceso selectivo, publicarase nas vindeiras semanas, as listaxes das notas obtidas para cada posto. Todas as fases do programa compartiranse na páxina web da deputación: http://deputacionlugo.gal/gl/temas/emprego/tecendo_emprego/candidatos
López Izquierdo avanzou que “tras publicar a listaxe de requirimentos, continuamos co procedemento de selección, iniciando as entrevistas dos aspirantes esta mesma mañá. Técnicos de emprego, divididos en dúas comisións, seleccionarán entre os 350 aspirantes, aos candidatos para os perfís profesionais solicitados, ao longo de toda esta semana. O total de inscritos, demostra o éxito da convocatoria do plan laboral Tecendo Emprego, que trata de favorecer a contratación de mozos sen experiencia ou maiores de 50 anos”.
Dos 56 perfís profesionais que se ofertaron inicialmente neste plan de emprego, un total de 11 postos non recibiron solicitudes polo que, unha vez rematado o proceso selectivo dos 45 empregos restantes, poderanse volver a convocar. Tras rematar as entrevistas e publicar as notas obtidas para cada posto, elevarase á Xunta de Goberno e darase coñecemento da relación definitiva de traballadores asignados ás entidades e colectivos sociais beneficiarios deste plan de emprego. Nos cinco días seguintes á publicación definitiva, as entidades terán que formalizar a contratación dos mesmos mediante a modalidade contractual e pola xornada laboral establecida na solicitude realizada.
Os candidatos deben acudir as entrevistas cun documento que acredite a súa identidade e presentar mediante documentación orixinal os requisitos esixidos de cada un dos perfís profesionais: titulación académica, contratos ou nóminas para acreditar a experiencia laboral e demais esixencias da cada perfil (carné de conducir…). No caso de establecerse un empate entre candidatos a prelación de aspirantes será, en primeiro lugar, o de maior antigüidade na inscrición como demandante ou mellora de emprego, segundo a data de nacemento, favorecendo os de maior idade e en caso de persistir o empate establecerase o grado de vulnerabilidade.